FAMILIA

O Concello programa unha nova xornada en recoñecemento á institución da familia

20/05/2013 Con motivo da celebración do Día Internacional da Familia (15 de maio), o Concello de Santiago preparou unha xornada repleta de actividades en recoñecemento a esta institución para o vindeiro sábado 25. A xornada, que foi presentada pola concelleira de Benestar Social, María Castelaou, aplazouse por mor da ponte do Día das Letras Galegas para poder chegar así a un maior número de composteláns.

Dende as 16:00 ás 21:00 horas celebraranse diversos obradoiros para nenos e nenas de broches, chaveiros, mandís, bolsas, etc. Os pequenos tamén terán inchables á súa disposición durante a xornada. E entre as 18:30 e as 19:30 horas, contacontos baixo o título "A miña mamá contoume", a cargo de Fran Insua. Os protagonistas dos contos son nais, pais, fillos e avós enredados en situacións cotiás.

Os que se acheguen ata a praza Roxa tamén poderán atopar as mesas informativas dispostas por diversas asociacións e entidades de iniciativa social, que divulgarán o importante labor que realizan. En concreto participarán Cruz Vermella, Red Madre, Agadea, Unión Galega de Epilepsia, Asociación de Hiperactivos e Asem Galicia.

Segundo indicou a concelleira, os eixos principais desta xornada son o recoñecemento á institución da familia e a concienciación dos cativos na igualdade de xénero e na corresponsabilidade nas tarefas do fogar.

Documentos relacionados



Compartir: