TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade a touroperadores, axentes de viaxes e xornalistas rusos

16/05/2013 Turismo de Santiago colabora coa axencia de viaxes catalá Novovira na organización dunha viaxe de profesionais do sector turístico ruso para que poidan coñecer a cidade de primeira man. A axencia Novovira é unha das axencias de receptivo de turismo ruso máis importantes de España e actualmente está abrindo o seu abano de produtos para este mercado crecente dado o seu interese en novas ofertas máis aló do turismo de "sol e praia".

O grupo de 23 profesionais, nos que se inclúen catro persoas de Ucraína e unha de Kazakhstan, estará en Santiago o xoves e o venres desta semana. O xoves terán unha visita guiada polo Casco Histórico e o venres pola mañá poderá participar nunha visita á Catedral, grazas a unha colaboración coa Fundación da Catedral.

Esta é a segunda colaboración de Turismo de Santiago neste mes cun grupo de profesionais do mercado ruso. A pasada semana tamén se amosou a cidade a un grupo de touroperadores e axentes de viaxes rusos. Nesta ocasión a colaboración foi coa axencia Marfil Travel, outra axencia catalá especializada no receptivo de turismo ruso.

Dende Turismo de Santiago considérase que o turismo ruso é unha oportunidade para a cidade. Trátase dun mercado en continuo crecemento en España, que máis alá do tópico, non só busca sol e praia, senón tamén cultura, patrimonio ou gastronomía, como indica o feito de que axencias de receptivo catalás, un dos principais destinos do novo turismo ruso, queiran ampliar o seu abano de ofertas amosándolles cidades como Santiago e o atractivo do Camiño de Santiago.

Turismo de Santiago participou xa en setembro do 2012 nunhas xornadas organizadas por Turespaña que se celebraron nas dúas principais cidades do mercado ruso, Moscova e San Petesburgo. Nestas xornadas houbo presentacións de diferentes cidades españolas, entre elas Santiago, e reunións con touroperadores e axencias de viaxes.

O obxectivo que se fixou dende Turismo de Santiago era conseguir que a cidade entre nos circuítos dos turistas rusos que visitan España. As colaboracións con axencias de viaxes con gran peso no receptivo do mercado ruso é unha parte da estratexia para conseguir este obxectivo.

Compartir: