TURISMO

Turismo de Santiago colabora con Turkish Airlines na inauguración da conexión Santiago – Estambul

15/05/2013 Turismo de Santiago colabora con Turkish Airlines na organización das actividades coas que a compañía turca inaugurará a nova conexión Santiago Estambul, que comezará a operar o vindeiro 21 de maio con tres frecuencias semanais, martes, venres e domingo. Esta conexión permitirá achegar os principais mercados asiáticos á cidade e a Galicia, grazas ao hub de Turkish Airlines en Estambul.

A colaboración enmarcase dentro do convenio que asinaron Turismo de Santiago e Turkish Airlines o pasado mes de xaneiro en Fitur. Grazas a este convenio desenvolvéronse diversas actividades de promoción da conexión, como a presenza de Turismo de Santiago por primeira vez na EMITT, a feira de turismo máis importante de Turquía, unha presentación conxunta da conexión en Fitur ou a organización de dous concursos con viaxes a Estambul e Santiago como premio.

O día 21, ás 12:30 horas, celebrarase o lanzamento oficial de Santiago como o sexto destino en España de Turkish Airlines cun acto no aeroporto de Lavacolla, ao que asistirá un grupo de xornalistas turcos que virán no primeiro voo da compañía para coñecer a cidade. Ese mesmo día, pero ás 19:30 horas, haberá un cóctel de inauguración da conexión, que terá lugar no Hostal dos Reis Católicos, ao que asistirán autoridades e representantes do sector turístico.

Turkish Airlines foi recoñecida como a mellor aerolínea de Europa nos Skytrax World Airline Awards de 2011 e 2012. Actualmente, a compañía ten conexións con prácticamente cen países. Estambul é unha cidade con máis de 12 millóns de habitantes e o país ten unha poboación de máis de 70 millóns de habitantes, polo que a conexión permitirá a Santiago acceder a un mercado potencial moi amplo. Pero ademais, a compañía conta cun gran hub no aeroporto de Estambul, dende onde conta con moi boas conexións para mercados turísticos interesantes para a cidade, como Xapón ou Corea do Sur, que agora se achegan un pouco máis grazas á compañía turca.

Compartir: