CONSORCIO

O Consorcio presenta unha nova edición de "Doentes", de Roberto Vidal Bolaño

15/05/2013 Con motivo da celebración do Días das Letras Galegas, que este ano se dedica ao compostelán Roberto Vidal Bolaño, o Consorcio de Santiago e a Xunta de Galicia presentan, en colaboración con Edicións Positivas, unha nova edición da obra Doentes, unha das súas mellores pezas teatrais.

Tal e como o propio Vidal Bolaño contou, Doentes quere ser unha homenaxe a Valle Inclán e ao seu teatro, especialmente Luces de Bohemia, coa súa condición de "viaxe dantesca, de peregrinación aos infernos". Doentes ambiéntase no Santiago dos anos 50, cando o vello Hospital vai ser reconvertido en Parador de Turismo e, de forma apresurada, os enfermos son desaloxados. Algúns, aqueles con recursos, puideron ser realoxados en pensións ou casas particulares, pero outros vagaron coma espectros durante días polas rúas de Compostela.

Con esta reedición, preténdese facer lembranza dende Compostela a un dos seus mellores artistas, e en especial, recuperar esta obra de teatro, ambientada na cidade e que agora volve á actualidade, non só sobre o papel, senón tamén sobre os escenarios e na producción audiovisual.

Neste sentido, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, sinalou a implicación e o compromiso do ente interadministrativo na difusión do obra literaria de Vidal Bolaño, patrimonio cultural de todos os composteláns e galegos, que axuda á proxección da cidade no eido das letras.

Compartir: