EDUCACIÓN

O Museo Nacional de Dinamarca exhibe as súas coleccións etnográficas en San Martiño Pinario

12/06/2006 O Departamento de Educación e Mocidade colabora coa Fundación "la Caixa" e coa Consellería de Innovación e Industria na realización da exposición sobre "Culturas do Mundo. Coleccións do Museo de Dinamarca", que permanecerá en San Martiño Pinario entre o 14 de xuño e o 27 de agosto.

A mostra é unha reflexión sobre a orixe das coleccións etnográficas que se poden atopar nos museos. Grazas á curiosidade de príncipes e viaxeiros, ao afán de descubrimento dos científicos e á sensibilidade dos artistas, estas obras, afastadas no tempo e no espazo, pasaron a formar parte da tradición cultural. Esta exposición ten un marcado carácter didáctico polo que haberá visitas guiadas para grupos organizados, que terán a oportunidade de participar nunha serie de actividades e talleres didácticos.

A exposición remítese a 1648, cando Federico II de Dinamarca creou en Copenhague un museo de curiosidades como as que puidera contemplar nas súas viaxes polas cortes europeas. Na chamada "Cámara India" conservaba os obxectos de América, África, Asia e das illas do Pacífico que chegaran procedentes das colonias ou mediante intercambios comerciais. Estas coleccións, enriquecidas coas contribucións de viaxeiros e exploradores, serviron como base para o Museo Etnográfico Real, un dos máis importantes de Europa, que en 1892 se incorporou ao Museo Nacional de Dinamarca.

As grandes viaxes de exploración espertaron en toda Europa o gusto polos obxectos exóticos e singulares traídos de países afastados. Así xurdiron as Wunderkammern, ou cámaras de marabillas, que reunían obxectos naturais e pezas creadas pola man do home, dispostos teatralmente para resaltar o seu carácter fabuloso.

Co tempo, estas coleccións heteroxéneas, agrupadas a partir do gusto persoal de aristócratas, científicos e príncipes, deron lugar a repertorios exhaustivos de historia natural e ás primeiras coleccións etnográficas.

África

Pola súa parte, as viaxes de exploración da costa africana puxeron de moda a arte deste continente, modelada segundo o gusto europeo, que se incorporou aos gabinetes das coleccións co nome de arte afroportuguesa.

As máscaras e esculturas das antigas sociedades tribais ocupan un lugar esencial. Entre 1660 e 1850 os traficantes de escravos daneses instaláronse na Costa de Ouro, a actual Ghana. O museo exhibe as obras reunidas polo último gobernador da praza. En 1968 completou os seus fondos ao incorporar a colección de Carl Kjersmeyer, con 1.400 obxectos dos mellores estilos africanos.

América

En canto a América, o Museo Nacional de Copenhague exhibe un conxunto de pezas singulares, entre elas as esculturas aztecas de mosaico de turquesa que Hernán Cortés lle enviou a Carlos V. Son o testemuño da fascinación que espertou en Europa o mundo precolombiano. Xunto a estas, hai unha importante colección dedicada ás culturas de América do Norte, desde Alasca ata California.

Neste ámbito, as achegas danesas son especialmente significativas. A quinta expedición do explorador Knud Rasmussen a Thule, entre 1921 e 1923, proporcionou 20.000 obxectos de esquimós. Grazas á contribución doutro explorador, Johan Petersen, o museo dispón dun fondo único dedicado ás culturas de Grenlandia.

Oceanía

Núñez de Balboa descubriu os mares do sur en 1513, pero a exploración sistemática das illas do Pacífico non comezou ata o século XVIII. A mediados do século XIX, o incremento das viaxes comerciais e das expedicións baleeiras encheron o mercado de obxectos procedentes de Oceanía. En torno a estes xurdiu o mito do home feliz, o bo salvaxe integrado na natureza.

Entre as pezas do Museo Nacional de Copenhague encóntrase un colar que lle pertenceu ao capitán James Cook. Unha parte da colección é froito da viaxe da embarcación danesa Galaeta que, entre 1845 e 1847, deu a volta ao mundo e fixo unha longa escala de estudo en Hawai e Tahití.

Asia

A partir de 1618 os daneses estiveron presentes en Tranquebar, na costa leste da India. Desde este enclave estabeleceron contactos con China e Indonesia. O comercio das especies estivo acompañado da importación de obxectos preciosos (tecidos e cerámicas, seda e porcelana), que contribuíron a incrementar o interese popular polo Oriente misterioso.

Entre os fondos do Museo Nacional de Copenhague destacan os materiais etnográficos recollidos por dúas expedicións a Mongolia, entre 1936 e 1939, que lles permitiron aos científicos acceder ás sociedades campesiñas do interior, aínda hoxe moi pouco coñecidas.

Compartir: