COMERCIO

Os Premios do Comercio Compostelán xa teñen gañadores nas súas seis categorías

15/05/2013 Reuniuse en Raxoi o xurado dos Premios do Comercio Compostelán, composto por representantes do Concello, as asociacións comerciais, a Cámara de Comercio, e a Asociación de Consumidores, que foron os encargados de seleccionar os gañadores nas categorías de: Comercio Emprende, Comercio Innovación, Comercio Activo e Comercio Veterano. Os gañadores de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixíronse por votación popular a través de Internet.

As categorías e premiados foron:

Comercio de Barrio: tívose en conta aqueles comercios que destacan pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador, por votación popular, foi Floristería Émbora.

Comercio Agarimo: premiouse ao comercio que sobresae pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. O comercio gañador, por votación popular, foi Bulideira.

Comercio Emprende: valorouse o espírito emprendedor dentro do comercio local atendendo a capacidade de xeración de emprego, a diferenciación e iniciativas de éxito. O comercio gañador foi La Bulanxerí.

Comercio Innovación: recoñeceuse a incorporación das novas tecnoloxías e técnicas de marketing innovador, tanto no seu funcionamento diario coma na relación e fidelización cos clientes, así como no deseño interior e exterior do establecemento. O comercio gañador foi Nobel Muebles.

Comercio Veterano: valorouse o labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu labor dende hai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos. O comercio gañador foi Sastrería Pepecillo.

Finalmente, na categoría de Comercio Activo, que atendía a aquelas iniciativas de agrupacións de comerciantes que destacaran por promover a dinamización do comercio local, o galardón foi para o conxunto de comerciantes da rúa Alfredo Brañas, que durante a campaña de Nadal 2012/2013 contribuíron á ambientación da súa rúa mediante a colocación de diversos adornos ás entradas dos seus establecementos para atraer así a máis cantidade de público.

A participación e calidade dos comercios e cidadáns vai mellorando ano tras ano. As cifras, respecto ao ano 2012, de Santiago Comercio de Cine así o reflicten. Os comercios inscritos en 2012 foron 28, fronte aos 48 desta edición nas distintas categorías. En canto ao número de votacións populares, no premio Comercio Agarimo votaron 700 persoas ao seu mellor Comercio Agarimo, fronte a 127 do ano pasado. E no premio Comercio de Barrio votaron desta vez 276 persoas, fronte ás 140 de 2012.

Os gañadores recibirán o próximo 23 de maio, no Pazo de Raxoi, unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convocouse un concurso dirixido aos artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia. O xurado, formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais, escolleu a figura deseñada por Ana Serra García, de Media Lúa.

Compartir: