NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os gañadores do concurso de lemas de "Gústame o galego" recibirán os seus agasallos o 17 de maio

15/05/2013 A praza do Toural (ou o Pazo de Bendaña, no caso de choiva) acollerá ás 13:45 horas do venres 17 de maio a entrega de agasallos aos autores dos lemas máis votados en Facebook e Twitter dentro da campaña Gústame o galego. Recibirán cadanseus lectores de libros dixitais no marco dunha xornada chea de actividades con motivo do Día das Letras Galegas.

Os lemas deixados no Facebook e no Twitter sumaranse a partir de agora aos que xa ten a campaña Gústame o galego, consistente nun fotocol no que calquera pode fotografarse amosando o seu apoio á lingua galega. As fotos resultantes van colgándose nun perfil de Facebook (Gústame o galego) que xa supera os 6.000 seguidores. A campaña foi promovida pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua e está circulando por moitos lugares de toda Galicia.

O Día das Letras Galegas estará en Santiago, na praza do Toural entre as 11:00 e as 14:00 horas e tamén pola tarde a partir das 17:00 horas. En caso de chuvia, a xornada da tarde pasará ao Auditorio de Galicia, xunto co concerto de Tic-Tac que está programado.

O lema gañador en Twitter foi o de Tatiana García González: "Gústame o galego porque temos bicos, aloumiños e moitas mostras de aprecio doces coma o mel". Presentáronse 280 propostas e a gañadora tivo 18 rechíos.

En Facebook, o lema gañador corresponde a Lara Fernández Alonso: "Gústame a xente riquiña". Presentáronse 127 lemas e o gañador obtivo 279 "gústame".

Programación do Día das Letras Galegas
As concellería de Normalización Lingüística e de Educación prepararon para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha xornada de actividades, reunidas baixo o título En galego con todas as letras. Ademais do devandito fotocol, de 12:00 a 14:00 horas realizarase tamén no Toural o obradoiro creativo Renova a camisola con Vidal Bolaño, destinado a nenos e nenas de 3 anos en diante, que poderán deseñar as súas camisetas incorporándolles unha ilustración e un texto que deben crear e plasmar eles mesmos. En caso de choiva, este taller tería lugar no interior da Fundación Granell.

A xornada complétase co concerto Tic-Tac, proposta musical de Pablo Díaz para toda a familia baseado nas composicións do libro-disco homónimo. O evento comezará ás 19:00 horas e celebrarase na praza do Toural, ou no Auditorio de Galicia en caso de chuvia.

Compartir: