FACENDA

O Goberno municipal estuda a baixada do recibo do IBI para o exercicio 2014

14/05/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, afirmou o compromiso municipal de "conxelar o baixar" os impostos municipais en 2014. En concreto, dixo, estase a estudar a baixada do tipo impositivo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para o exercicio 2014, o que permitiría unha redución do recibo a pagar polos composteláns.

Cecilia Sierra explicou que en ningún caso o Goberno municipal actual incrementou os impostos, nin sequera actualizando o IPC. En concreto, aclarou, a suba do recibo do IBI deriva da nova ponencia de valores en 2009, á que lle dera o visto bo o anterior Goberno, que prevé incrementos dos valores catastrais dos inmobles a aplicar progresivamente durante dez anos, ata o 2019.

Neste sentido, apuntou que a devandita ponencia supuxo que o valor total dos inmobles urbanos de Santiago pasara dos 3.800 aos 6.000 millóns de euros, incrementando ese valor en case 2.200 millóns de euros. De aí deriva a subida do recibo, insistiu, e non dun tipo impositivo do IBI que permanece invariable dende o ano 2006.

A concelleira indicou que este incremento progresivo ata 2019 dos valores catastrais se traduce na práctica en subas do 100% nos recibos a pagar polos santiagueses chegada esa data. Puxo como exemplo un inmoble de 110 m2 na rúa do Vilar, que pasará de pagar 219,56 euros de IBI en 2009 a 499,32 euros en 2019 (+127%), dun de 92 m2 na rúa Loureiros, que pasaría de 177,59 a 304,93 euros (+71%) ou doutro de 98m2 na rúa Xeneral Pardiñas, que pasaría de 382,83 a 707,34 euros (+85%). Noutras partes da cidade os incrementos serían menores, pero igualmente significativos. Como mostra, para un inmoble de 101 m2 na rúa Londres o recibo pasaría de 203,03 de 2009 a 315,57 euros en 2019 (+55%) ou para outro de 103 m2 na rúa Carlos Maside, de 121,06 a 180,03 euros (+48%).

Consciente deste aumento do recibo do IBI, explicou a edil, o Goberno local adoptou a posibilidade do fraccionamento do pago en tres períodos: maio, agosto e novembro. A esta alternativa acolléronse 1.259 persoas, que xeraron 2.481 recibos.

Apuntou que esta ordenación dos pagos permite tamén un mellor funcionamento da tesourería municipal, xa que "nos atopamos cunha situación na que, cando chegaba o verán, non había cartos para os pagos ordinarios". Este primeiro pago fraccionado do IBI en maio permitiu ás arcas municipais recadar uns 500.000 euros, que se destinaron a investimentos e a incrementar as partidas de gastos sociais.

En calquera caso, afirmou, os Servizos Económicos están a estudar a fórmula para facer que o pago do IBI non coincida no tempo co pago doutros impostos, tal como xa anunciara xa o alcalde.

Compartir: