TURISMO

Todo listo para a chegada a Compostela de Darth Vader e as trompas imperiais

14/05/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou o vídeo promocional da segunda edición do desfile Imperial Stormtroopers, que terá lugar o sábado 25 de maio. En torno a 350 persoas caracterizadas como personaxes de Star Wars participarán neste percorrido polas rúas do Caso Histórico. Desta vez homenaxearase o 30 aniversario da estrea do filme O retorno do Jedi.

Acompañaron a Reyes Leis na rolda de prensa Manuel Ángel Gayoso, Daniel González e Roi de la Fuente, quen anunciaron que esta segunda edición tamén traerá sorpresas. Unha delas é a homenaxe que se realizará ao recentemente falecido Constantino Romero, quen era a voz española de Darth Vader.

Confirmaron que xa hai 357 persoas inscritas no desfile, superando en máis de 100 os participantes da primeira edición. O prazo de inscrición péchase o 19 de maio. Toda a comitiva partirá do Instituto Xelmírez I ás 18:00 horas do sábado 25 de maio. Percorrerá varias rúas do Casco Histórico ata chegar á praza do Obradoiro.

A información sobre a inscrición e os detalles do desfile pódense consultar a través das páxinas web www.imperialstormtroopers.es e www.tropakorriban.com, ou nos Facebook e Twitter do evento.

A Tropa Korriban Asociación de Fans de Star Wars Galicia, organizadora do desfile, naceu en 2010, tras o éxito do primeiro Imperial Stormtroopers. Nestes dous anos de vida, os seus socios participaron en máis de 30 eventos en toda España, entre os que destacan visitas solidarias a hospitais infantís, desfiles en festas e outros eventos lúdicos e culturais.

Direccións relacionadas



Compartir: