ALCALDÍA

O alcalde traslada aos servizos económicos municipais a necesidade de que non coincida no tempo o pago de varios impostos

13/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou que lle solicitou aos servizos económicos que se tomen as medidas para que non se solape no tempo o cobro de diferentes impostos, como os de bens inmobles (IBI) ou de vehículos. "Quero evitar que se repita a coincidencia de pago de diferentes tributos no mesmo momento", indicou.

Ángel Currás agarda que se "corrixa" esta situación, especialmente "nun momento no que as familias pasan por unha situación delicada". "Imos ver como o articulamos dende un punto de vista técnico", engadiu, aclarando que "si se fixo así foi para o fraccionamento do pago, ao que se acolleu un bo número de veciños". En calquera caso, lembrou que se veu informando desta posibilidade de fraccionamento e, en consecuencia, das novas datas de pago, xa dende o mes de novembro".

Quixo explicar tamén que "o incremento do IBI no exercicio actual non responde a ningún incremento do Goberno actual, que conxelou todos os impostos e as taxas, senón á aplicación dun decreto de 2009".

Centro de Formación en Rehabilitación
Preguntado pola paralización das obras do Centro de Formación en Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción (Pontepedriña de Arriba - Avío), o alcalde lembrou que o Consorcio de Santiago adxudicara no seu momento as obras a unha empresa que agora entrou nun concurso de acredores. Por iso, apuntou, "estase planteando a rescisión do contrato, e así se aprobou en comisión executiva e consello de administración. Sacarase de novo a concurso para que se inicien as obras de novo canto antes". Recordou que tamén se solicitou a rescisión de contrato no caso do Palacio de Congreso e Exposicións.

Compartir: