CULTURA

O Auditorio acolle unha nova exposición: "15 contos breves e extraordinarios"

15/05/2013 Inaugurouse no Auditorio de Galicia 15 contos breves e extraordinarios. Arte contemporánea Fundación María José Jove, unha mostra coa que a Fundación culmina o seu proxecto sobre arte contemporánea e discapacidade, unha iniciativa pioneira en Galicia e a través da cal fusionou dous dos seus ámbitos de actividade. A exposició poderá visitarse ata o 29 de setembro.

Á inauguración, celebrada na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, asistiron o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández; José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia; e Marta García-Fajardo, comisaria da exposición, así como artistas e personalidades da vida social e cultural de Galicia.

Trátase dunha mostra itinerante que xa estivo na Coruña, Vigo e Ourense, e que agora recala en Santiago, onde permanecerá ata o 29 de setembro. 15 contos breves e extraordinarios. Arte contemporánea Fundación María José Jove xira ao redor da relación que persoas con diferentes niveis de discapacidade intelectual establecen con obras de arte contemporánea galega que forman parte dos fondos da prestixiosa Colección de Arte Fundación María José Jove e o traballo que realizaron cos autores destas obras.

Para a posta en marcha, a entidade contou coa colaboración desinteresada de 15 artistas galegos de primeira fila: Antón Lamazares, Anxel Huete, Berta Cáccamo, Darío Basso, José Freixanes, Din Matamoro, Francisco Leiro, Fruela Alonso, Itziar Ezquieta, Jorge Barbi, Manolo Paz, Manuel Quintana Martelo, Pablo Gallo, Vicente Blanco e Correa Corredoira, que traballaron de xeito conxunto cos 15 participantes que durante uns meses, mergulláronse no universo da arte para coñecelo e interpretalo e, sobre todo, "para sentir unha nova fonte de estímulos intelectuais e sensoriais", como apunta a comisaria da exposición, Marta García-Fajardo.

15 microexposicións
A exposición é o resultado de moitas sesións de traballo nas que os protagonistas descubriron, exploraron, reflexionaron e experimentaron en torno á arte contemporánea, e que culminaron cos encontros co propio artista nos que puideron compartir os seus procesos creativos. Máis que unha, son 15 microexposicións, correspondentes a cada un dos participantes, de aí o seu título tomado dunha obra de Borges.

Deste xeito, Érase unha vez unha cidade, Unha merenda na casiña; Vento branco, A cor do son ou O paraugas e a noite son só cinco dos 15 títulos que protagonizan esta extraordinaria mostra.

Cun deseño dinámico e coidado, en cada un destes 15 espazos móstrase unha selección do material e documentación recollido ao longo do proceso de traballo (imaxes fotográficas, vídeos, comentarios e reflexións, procesos artísticos, interrelación co artista invitado, etc.). Xunto a iso, poderanse ver as 15 obras orixinais da Colección de Arte da Fundación María José Jove xunto ás súas "xemelgas", realizadas polos participantes no programa. E como peche, un proxecto colectivo integrado por 15 lenzos de 60 centímetros de ancho pintados libremente por cada un dos participantes e que dan forma a unha gran obra de 6 metros de longo dunha plasticidade e harmonía sorprendente.

Participantes
Nesta iniciativa, que se iniciou en febreiro de 2012 coas primeiras sesións de traballo, participaron 15 persoas con diferentes niveis de discapacidade intelectual (leve, grave e severa) e idades (entre os 15 e os 55 anos) para os que se contou coa colaboración de Down Coruña, Aspace e Aspronaga, e en función das súas cualidades, a Fundación María José Jove asignoulles unha obra dun autor galego.

Nunha primeira fase do programa desenvolvéronse cinco sesións para descubrir, explorar e reflexionar sobre arte contemporánea en xeral, sobre a obra seleccionada e sobre o seu autor; localización no contexto histórico-artístico, etc. Unha vez dadas estas pinceladas, levaron a cabo os encontros entre o artista e o participante, parte esencial do programa, e nos que os participantes puideron compartir cos autores os seus procesos creativos.

As últimas sesións centráronse na realización da obra por parte de cada participante, utilizando un formato técnico e tamaño exacto ao orixinal. Non se tratou de facer unha copia, nin dunha demostración de destreza técnica, senón dunha versión ou interpretación personalizada e libre de cada un dos participantes. De feito, "a singularidade do autismo, da parálise cerebral, da cegueira ou doutras diversidades funcionais e o carácter de cada persoa marcaron as directrices a seguir con cada participante", explica a comisaria.

Compartir: