CENTROS SOCIOCULTURAIS

Suso de Toro abre a Semana Cultural do Castiñeiriño

12/06/2006 O Centro Sociocultural do Castiñeiriño acolle esta semana un atractivo programa de actos, cos que celebra a súa II Semana Cultural. A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentou o calendario de actividades, que inclúe exposicións, charlas, cine, xogos e actuacións musicais.

Tralo acto inaugural, o martes 13, abrirase a exposición conmemorativa do 75 aniversario das primeiras eleccións da II República: "Imaxe gráfica da II República", organizada pola Fundación 10 de marzo. Sobre este tema, o escritor Suso de Toro, veciño deste barrio, impartirá unha conferencia titulada "¿Que foi da II República?".

Para a xornada do mércores queda un faladoiro radiofónico e un taller de radio a cargo de Radio Obradoiro, que se repetirán o venres e o sábado. Completarase a axenda do día cunha charla sobre nutrición na terceira idade, con contacontos e coa proxección ao aire libre do filme Mar adentro.

A xornada do xoves será especialmente lúdica, con xogos informáticos e de orientación, e cun singular campionato de fútbol chapa. Xa a última hora da tarde, actuará o Grupo Municipal de Teatro de Ames, coa obra "Caricias" de Serge Belbel. O venres continuarán os xogos para os máis pequenos e unha festa da espuma. Ademais, proxectarase O castelo ambulante, dentro das sesións de cine ao aire libre.

A último dos días desta semana cultura, o sábado 17, terá un pouco de todo: baile co dúo Glamour, un concurso de repostería, un campe¡ionato de xogos tradicionais, un festival xuvenil e un campionato de tute de mulleres contra homes.

Documentos relacionados



Compartir: