DEPORTES

O xoves 9, último día para inscribirse na I Compostela BTT

08/05/2013 As inscricións para a I Compostela BTT, marcha cicloturista de 50 quilómetros polos arredores de Santiago que se celebrará o domingo 12, poderán facerse ata última hora do xoves 9 de maio na páxina web www.magmasports.es.

O Campus Sur acollerá a saída e chegada da I Compostela BTT, organizada polo Club BTT Ultreia e o Concello de Santiago. Esta proba non ten carácter competitivo, aínda que se fará cronometraxe. O percorrido será de 50 quilómetros.

O circuíto está deseñado para completarse nunhas catro horas. Aqueles participantes que non pasen o curte no horario previsto pola organización nos puntos situados nos quilómetros 25 e 40 serán desviados por un percorrido alternativo que enlazará coa ruta máis adiante.

Poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Os menores deberán presentar obrigatoriamente unha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor legal. Os federados deberán pagar 12 euros e os non federados 15 euros.

Xantar e agasallos
Os participantes poderán participar, logo da proba, nun xantar previsto ás 14:30 horas, co que esta marcha cicloturista se converterá tamén nunha xornada de convivencia para os practicantes desta disciplina deportiva.

Durante este xantar entregaranse agasallos e trofeos conmemorativos a todas as mulleres, ao participante de maior idade, ao competidor máis novo, ao club con maior número de participantes e ao club de máis lonxe (mínimo con 3 participantes), sempre que rematen a proba, en todo os casos.

Compartir: