XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o convenio para a execución da EDAR do Souto

08/05/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a sinatura do convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Aquanorte para a execución e explotación da estación depuradora de augas residuais, que se situará no lugar do Souto. O importe estimado deste proxecto é de 59.777.245 euros máis IVE (o 70% correspóndelle a Aquanorte, 15% ao Concello e 15% á Xunta).

A voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, quixo lembrar que "o emprazamento previsto na Silvouta era rexeitado polos veciños da zona; polo que o actual Goberno local propuxera á Xunta e ao Goberno do Estado facer un novo estudo de alternativas que considerara unha posible nova ubicación, non analizada no estudo de impacto ambiental no que se elixiu a anterior localización na Silvouta, prevista no vixente PXOM".

A este rexeitamento veciñal sumouse o feito da aprobación do novo Plan Hidrolóxico Galicia Costa, que "introduciu novos criterios no vertido, co obxectivo de conseguir o bo estado das augas do río Sar incluso nas condicións máis desfavorables, con menor caudal", dixo a edil. Explicou que "o novo anteproxecto mellora significativamente os parámetros de vertido da auga depurada e afínanse os estudos sobre caudal e carga contaminante da auga a tratar, que varía as súas magnitudes, o que, xunto coa maior esixencia no vertido, invalida a solución determinada no seu momento para Silvouta. O resultado é que a planta que se vai construír vai admitir máis caudal e permitirá unha maior calidade do vertido. Isto xa é un importante valor engadido sobre o antigo anteproxecto, con independencia da ubicación".

María Pardo apuntou tamén que "o novo estudo avalía o impacto dos olores nos ámbitos que rodean as dúas ubicacións posibles, a da Silvouta e a do Souto". Así, "de executarse a planta na Silvouta, o olor sería recoñecible nos núcleos de Silvouta e Pardiñas, mentres que a elección do Souto non afecta a ningún núcleo de poboación. Un tratamento de olores na ubicación da Silvouta suporía un importante custo adicional tanto de construción como de explotación", aclarou, concluíndo que "queda claro que a opción do Souto é máis idónea que a da Silvouta".

Educación
Na sesión tamén se aprobaron as listas provisionais de admisión e de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2013-2014. As listas poden consultarse nos taboleiros das escolas e do Concello e nesta web. Haberá un período de alegacións de dez días.

Para as tres escolas presentáronse 336 solicitudes válidas e 9 fóra de prazo. Ofrécense 95 prazas, das que 8 son reservadas para casos de emerxencia social.

Seguindo co mesmo Departamento, aprobouse a memoria de actividades da aula móbil incluídas na Campaña Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección ¿Onde está o perigo? Os destinatarios do programa son nenos e nenas de Primaria e Secundaria. As accións desta campaña levaranse a cabo na Escola Móbil do RACE, que estará do 27 ao 31 de maio na Alameda.

Deportes
En materia de Deportes, adxudicouse o servizo de conserxería e limpeza das instalacións deportivas municipais por importe 379.767 máis IVE. Tamén se iniciou o procedemento de contratación da cubrición das bancadas do campo de fútbol de San Lázaro (Sergas), por importe de 74.945 euros.

Sanidade
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación do servizo de lacería para os anos 2013 e 2014, por importe de 36.999 euros.

Obras
Finalmente, iniciouse o procedemento de contratación das obras de reforzo do firme na vía M23-4 Frades-Enfesta (POS 2012), por importe de 27.846 euros máis IVE.

Compartir: