BENESTAR SOCIAL

Os alumnos do curso de cociña do USN realizaron pratos representativos de diferentes países europeos

08/05/2013 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-Servizos Sociais segue a impartir unha serie de obradoiros no Centro Comunitario Xoán XXIII, encadrados dentro do Programa de Competencia Social e Crecemento Persoal. Unha das propostas é á elaboración de pratos de cociña económicos. Nesta ocasión, con motivo da celebración do Día de Europa o 9 de maio, realizouse unha sesión especial na que se elaboraron de pratos e alimentos representativos de distintos países europeos.

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, visitou esta sesión especial, incluída nuns obradoiros de cociña que teñen como obxectivo a elaboración de diferentes menús para catro persoas por un importe máximo de catro euros. Os participantes nesta actuación cada semana cociñan un menú diferente, cun primeiro e segundo prato e unha sobremesa. Para a realización dos menús priorízase o aproveitamento dos condimentos dispoñibles na casa e cómprase cun máximo de 4 euros o resto de produtos.

Esta iniciativa está pensada dende o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e o Centro Comunitario Xoán XXIII para apoiar os procesos de axuda que se realiza coas familias en situación de risco ou exclusión social.

Os obradoiros de cociña realízanse os mércores do mes de abril e maio, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas, aproveitando a finalización de cada unha das xornadas para que os participantes poidan dar conta, unha vez rematado o obradoiro, dos pratos elaborados por eles mesmos. Este tipo de actividade facilita ás persoas participantes, ademais dos contidos específicos do obradoiro de cociña, a adquisición de hábitos sociais e saudables (puntualidade, responsabilidade, convivencia, etc).

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: