ALCALDÍA

Recepción en Raxoi ao consello executivo da Asociación Europea de Televisións Rexionais

07/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu o consello executivo de CIRCOM (European Association of Regional Television). Esta entidade celebra en Santiago a súa 31ª Conferencia Anual, que reune a directivos de televisións públicas de 25 países europeos.

A cita está organizada pola Televisión de Galicia (TVG), baixo o lema "O camiño a seguir" (The way forward). As sesións de traballo do auditorio na Facultade de Comunicación de Santiago centraranse nos temas de xestión estratéxica, produción de televisión, xornalismo e futuras tecnoloxías da comunicación. Os executivos dos medios tamén estudarán proxectos de coproducción e cooperación, actividades de capacitación e as oportunidades que se presentan para o futuro da televisión rexional.

O evento de tres días abrirase este mércores coa Gala Prix CIRCOM, que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos. Os premios teñen unha cuantía de 30.000 euros, e están divididos en 10 categorías, asi como un premio final, o Grand Prix, que se dará a coñecer na Gala. Están considerados os galardóns máis prestixiosos de Europa para os programas de televisión rexional.

CIRCOM Rexional é a rede das emisoras de TV rexionais públicas en Europa e conta con máis de 250 estacións asociadas en 34 países.

Compartir: