CULTURA

Concertos, actividades infantís, e moitas outras actividades gratuítas na segunda edición do Romaría Pop

07/05/2013 A Romaría Pop, a unión de música pop e o mellor ambiente festivo herdeiro das romarías tradicionais, celebrará a súa segunda edición o sábado 15 de xuño no Parque de Belvís. Antes, o 6 de xuño, celebrarase un concerto de presentación do evento na Zona C con Niño y Pistola e When Nalda Became Punk.

A Romaría Pop, unha iniciativa de Desconcerto Cultural, reúne a numerosas familias e amigos no Parque de Belvís para gozar das actividades culturais de balde; unha xornada acompañada co mellor da escena musical independente galega representada en bandas que ofrecerán un bo número de actuacións.

Dous escenarios, zonas para actividades infantís, concursos, pequemúsica, feira, e postos de comida e bebida e moitos máis atractivos formarán parte do seu programa. A Romaría Pop está aberta a calquera persoa interesada en gozar do lecer e da cultura ao aire libre. Trátase dunha aposta pola dinamización e a convivencia entre veciños nunha xornada festiva; e o éxito do 2012, en ambiente e asistencia, amosou a valía dese espírito.

Como anticipo, o xoves 6 de xuño haberá un concerto presentación da Romaría Pop na Zona C. Será ás 21:00 horas e contará coa música de Niño y Pistola, unha das bandas de referencia do panorama musical galego da última década, que estarán presentando o seu cuarto álbum, There’s a man with a gun over there. Xunto a eles, estarán os vigueses When Nalda Became Punk ,que presentarán o seu flamante disco de debut, A farewell to youth. As entradas para este concerto custarán 8 euros + gastos de distribución (anticipada) e 10 euros na billeteira.

En próximas datas farase público o cartel completo de grupos e actividades da Romaría Pop. No portal web www.romariapop.com e nas redes sociais é posible informarse ao día das novidades.

Compartir: