PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Concedidas todas as excursións solicitadas polas entidades veciñais dentro do programa "Imos coa Asociación"

07/05/2013 Rematou o prazo para que as asociacións de veciños de ámbito rural e da periferia de Santiago solicitaran participar no programa Imos coa asociación, promovido pola Concellería de Participación Cidadá. Once entidades veciñais solicitaron participara na convocatoria e demandaron 19 viaxes, que se realizarán nas datas que finalmente elixan, seguindo as normas do programa.

Imos coa Asociación pon a disposición das asociacións de veciños do ámbito rural e da periferia de Santiago unha oferta específica de excursións organizadas, que propician o goce e o encontro en convivencia coa veciñanza das distintas parroquias interesadas. O programa ten un dobre obxectivo: dar a coñecer a riqueza patrimonial de Galicia e Portugal, e responder ás demandas dos veciños destes ámbitos que solicitaban un programa específico de excursións.

Todas as excursións desenvolveranse entre maio e novembro deste ano e a Área de Participación Cidadá subvenciona o 40% do gasto total das excursións, que repercute en conceptos como pago de guía-acompañante, seguro, autobús, peaxes e estacionamentos.

As asociacións deberán facer un pagamento conxunto pola totalidade das persoas que participan na excursión, a través do ingreso na conta bancaria que indique a organización. No prezo ofertado non se inclúen entradas a museos, viaxes en catamarán, comidas ou calquera actividade con custo adicional, que correrá a cargo dos participantes.

Rematado este prazo de solicitude e asignación, nos vindeiros días conformarase o calendario de excursións. Cada asociación veciñal terá resposta por escrito a través de correo electrónico da correspondente asignación de participación.

Listaxes de participación
Unha vez asignada a excursión, cada asociación deberá achegar á Casa das Asociacións de Cornes a listaxe de participantes, na que deben aparecer os seguintes datos: nome, apelidos, DNI e data de nacemento.

No caso dun menor sen DNI, aparecerá tamén na listaxe co nome e apelidos, pois irá cuberto polo seguro de responsabilidade civil. Ao entrar no autobús, será obrigatorio identificarse co DNI e non se admitirá a ninguén que non apareza no listado da excursión. As listaxes presentaranse de maneira que se entendan todos os datos e as escritas a man virán cubertas con letra maiúscula e clara.

A data límite de entrega de listaxes será o mércores da semana en que se leve a cabo a excursión. Non se admitirán listaxes despois deste día. Se non se entregan as listaxes a tempo, a excursión suspenderase.

Xeralmente, os horarios das saídas serán as marcadas pola organización e faranse as paradas necesarias para recoller aos participantes, sempre dentro da parroquia da asociación.

A contratación do xantar nos restaurantes correrá por conta da asociación. Facilitaranse por parte da organización datos sobre algúns restaurantes. Con todo, as asociacións serán libres de escoller calquera outro restaurante, sempre e cando se sitúe na zona ou localidade determinada pola organización. O horario de comezo do xantar será entre as 14:00 e as 14:30 horas.

As variacións nos itinerarios serán debidas á imposibilidade de poder acceder esa xornada e nese horario a un lugar ou monumento determinado. En calquera caso, as modificacións serán comunicadas con tempo suficiente ás directivas das asociacións para que llas fagan chegar aos asistentes Excepcionalmente, as entidades veciñais poderán modificar de mutuo acordo coa empresa de transportes a data da excursión.

Máis información en:
Casa das Asociacións de Cornes (Rúa de Manuel Beiras nº3)
Horario de atención: martes a sábado 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas
Teléfono: 981 542 350

Compartir: