FESTAS

As Festas da Ascensión comezan este mércores coa habitual tirada de bombas ás 12 do mediodía e animación na rúa

07/05/2013 Compostela prepárase xa para o comezo das Festas da Ascensión, que este ano se celebran do 8 ao 12 de maio. Na primeira xornada, este mércores, destaca o concerto 40 Santiago Pop na praza da Quintana.

As Festas arrincarán coa tradicional tirada de bombas ás 12:00 horas. A continuación, a tradicional comparsa dos cabezudos animará as rúas do Casco Histórico. Xa pola noite, ás 21:00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia, que contará como invitado co violonchelista Nicolas Alstaedt. Paul Daniel dirixirá a formación nunha sesión na que interpretará pezas de Salinen, Strauss e Haydn.

O prato forte da xornada é o festival 40 Santiago Pop, organizado en colaboración coa cadea musical 40 Principales, que comezará ás 22:00 horas na praza da Quintana. Contará coas actuacións de Macaco, Rasel & Jadel, Nena Daconte, Rivero & Capitán Kidd, Lagarto Amarillo, David Pop e Ragdog.

A noite musical completarase na Alameda coa actuación da Orquestra Los Satélites a partir das 23:00 horas. Ao longo do día, atraccións na Alameda.

Compartir: