DEPORTES

Un día de deporte para todos

10/06/2006 Varias instalacións deportivas da cidade acollerán ao longo de hoxe sábado as actividades do Día do Deporte en Compostela, co que se pechan os diferentes programas e campañas desenvolvidos ao longo do curso. Uns 2.000 mozos están chamados a participar nesta xornada, chea de eventos de balde en case tódalas disciplinas deportivas e que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con diversos clubes.

O Multiusos Fontes do Sar é o escenario de boa parte destas actividades, entre elas a clausura da Campaña Municipal de Fútbol Sala, de 16:00 a 20:00 horas, cos partidos finais das categorías de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e féminas. Ao remate dos encontros entregaranse os trofeos, nun acto ao que asistirá o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Tamén en Sar péchase a campaña de minibasquet "Memorial Lorenzo de la Torre" ao longo da mañá, coas finais das categorías de minibásquet e premini masculino e feminino. Na pista auxiliar desenvólvese un torneo de baloncesto, organizado por ASPAS, no que participarán persoas con discapacidade psíquica.

Ademais, durante o horario de apertura e con carácter gratuito, o recinto oferta dende partidas simultáneas de xadrez a unha ximcana ciclista, pasando por unha actividade de iniciación á esgrima e un torneo infantil nesta modalidade. A xornada complétase cun torneo de chave e coa exposición das fotografías presentadas ao IX Concurso de Fotografía Deportiva.

As piscinas de Sar celebran unha xornada de portas abertas, coas que se abre a temporada de verán deste complexo acuático. Hai actividades lúdicas e recreativas para grandes e pequenos de 11:00 a 20:00 horas. Noutra piscina, a de Santa Isabel, e en horario de mañá, desenvólvese o I Encontro Escolar de Waterpolo, con partidos de miniwaterpolo e outras actividades relacionadas con este deporte.

Finalmente, tamén pola mañá, o Pavillón do Restollal acolle o VI Trofeo de kárate "Cidade de Santiago", de carácter federativo e organizado pola Agrupación Deportiva Galaika. Ao remate do mesmo entregaranse os trofeos e medallas.

Compartir: