ECONOMÍA

Xornada técnica gratuíta "Rendibiliza o capital intanxible da túa empresa"

06/05/2013 O Concello de Santiago, en colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade e EQA realizarán o 29 de maio unha xornada gratuíta titulada Rendibiliza o capital intanxible da túa empresa. O obxectivo desta xornada é expoñer os incentivos fiscais á I+D, facendo fincapé nas novidades: o Patent Box e compra pública innovadora. Agárdanse uns 200 participantes.

O Patent Box, regulado polo artigo 23 da Lei do Imposto de Sociedades, é un incentivo fiscal que permite ás empresas minorar nun 50% a base impoñible xerada polos ingresos brutos procedentes da cesión de activos intanxibles creados pola súa empresa.

O desenvolvemento eficaz da compra pública innovadora que persegue o MINECO pretende reforzar o papel das administracións públicas como impulsoras da innovación empresarial. Isto abórdase traballando dende o lado da demanda do xestor público que saca a licitación os contratos de compra pública innovadora e dende o lado da oferta, é dicir, das empresas que compiten nas licitacións, axudándoas no xogo competitivo a participar e presentar ofertas innovadoras nos devanditos procedementos de contratación.

A concelleira de Economía, Reyes Leis, e o delegado de EQA Galicia, Javier López, presentaron estas xornadas, nas que participarán Ángel Pérez, xefe de Servizo da Dirección Xeral de Innovación e Competitividade, da Secretaría Xeral Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Economía e Competitividade; e Javier Dader, director de EQA I+D+i. A xornada estará moderada por Roberto Pereira, presidente do Colexio Oficial de Economistas de Galicia.

A xornada desenvolverase no Edificio Administrativo do Cersia. A asistencia é gratuíta, logo da inscrición. Os interesados poden inscribirse en www.axencialocaldecolocacion.org

Compartir: