TURISMO

Dezasete concellos da Área de Santiago asinarán o 27 de maio un convenio para a súa promoción turística

06/05/2013 Os concellos da Área Santiago asinarán o 27 de maio no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración para traballar conxuntamente na súa promoción turística. O Grupo está composto actualmente por 17 concellos: A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Entre eles suman preto de 250.000 habitantes.

Coa sinatura do convenio de colaboración formalizarase a existencia do grupo de traballo, que celebrou no Cersia a súa quinta reunión. O obxectivo é tamén que a sinatura pública sirva para dar visibilidade pública á existencia da Área Santiago, concibida como un grupo de Concellos que queren compartir os seus recursos turísticos co obxectivo tanto de atraer a un maior número de turistas como de aumentar a súa estadía media.

Nesta última reunión presentouse un borrador de cronograma de actuacións para a o período 2013 – 2014 en base aos traballos que se están realizando nas tres comisións técnicas creadas para a análise dos recursos turísticos cos que se conta: Pesca e turismo fluvial, Gastronomía e Paquetes. Posteriormente, iranse creando novas comisións para estudar outras temáticas de interese evidente para a Área Santiago, como a dos Camiños de Santiago ou o aproveitamento das múltiples rutas de sendeirismo que hai na zona.

Unha das iniciativas que se consideran prioritarias é a elaboración dun mapa de recursos turísticos, que sirva para poder informar sintética e visualmente dos atractivos que se atopan nos diferentes Concellos do grupo, que en moitos casos son descoñecidos tanto para os visitantes, como para os propios residentes nos Concellos e mesmo para o propio sector turístico.

Tamén se está traballando na actualización de eventos de interese turístico da Área Santiago na axenda da web www.santiagoturismo.com, que no ano 2012 sumou máis de medio millón de visitas e preto de tres millóns de páxinas vistas. Estes eventos de interese turístico estanse actualizando ademais a través da conta en Twitter @santiagoturismo, empregando o hashtag #muycercadeSantiago.

Compartir: