DEPORTES

O Casco Histórico acolleu un competido e vistoso Duatlón Cidade de Santiago

05/05/2013 Celebrouse polas rúas do Casco Histórico o XI Duatlon Cidade de Santiago, organizado pola Concellería de Deportes e o Triatlón Arcade Inforhouse. Uns 450 deportistas participaron nesta competición, que serviu de Campionato Galego de Duatlón e tamén como final provincial nas categorías escolares. A estas probas sumouse un duatlón popular.

Pola tarde celebráronse as probas de elite masculina e feminina. Os corredores saíron da praza do Obradoiro para facer 5 quilómetros a pé, seguir con 20 quilómetros en bicicleta e rematar novamente no Obradoiro despois doutros 2,5 quilómetros a pé. Destacou a dificultade do circuíto en zonas como a costa de Xoán XXIII e Burgo das Nacións, ou as complicación da parte a pé pola propia orografía e pavimento do Casco Histórico.

Antes das probas de elite celebrouse un duatlón popular, no que participaron máis de 100 corredores que non tiñan praza no campionato autonómico.

A competición comezara pola mañá coas finais provinciais nas categorías escolares benxamín, alevín, infantil e cadete. Uns 200 escolares participaron nestas probas e competiron polas prazas no campionato galego das respectivas categorías.

Compartir: