DEPORTES

Os afeccionados ao sendeirismo déronse cita na IX Andaina dos 50 Km de Santiago

04/05/2013 Partiu da praza do Obradoiro a IX edición da Andaina dos 50 Km de Santiago de Compostela, organizada polo Club Deportivo Fontiñas. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, sumouse a esta cita co sendeirismo.

Desta vez e ao contrario que nas anteriores edicións, o bo tempo acompañou os participantes nesta proba, unha clásica na Copa Galega de Andainas. O percorrido componse de dous bucles. O primeiro, de 29 quilómetros, saíu da praza do Obradoiro, pasando por Bar, Monte Pedroso, Aradas, Miramontes, Pontealbar, Río Tambre, Grixoa, Bargo, A Peregrina, Romaño e Santa Isabel, finalizando na carballeira de San Lourenzo. O segundo, de 21 quilómetros, parte da devandita carballeira cara o Camiño de Fisterra, pasando por Vidán, A Rocha, Laraño, Outeiro do Castiñeiriño, Bornais, Santa Lucía, monte de Viso, Cidade da Cultura, Viso, Parque de Belvís, Trompas, arco de Mazarelos e Toural, con final no polideportivo do Instituto Rosalía de Castro.

Dos 50 quilómetros do percorrido, exceptuando o tramo urbano da saída e da chegada, soamente hai 2 Km de pistas asfaltadas. Case todo discorre por entornos rurais, por camiños de terra e sendeiros.

Os participantes poden completar o percorrido ou ben abandonar en calquera momento, para o cal están previstos medios de recollida e traslado á cidade. En concreto, habilitáronse 5 postos de control –nos que hai todo o necesario para repoñer forzas- e un coche vasoira. Todos os tramos están debidamente sinalizados.

Compartir: