CONSORCIO

O Museo das Peregrinacións acolle unha mostra sobre a Torre do Reloxo da Catedral

02/05/2013 O alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás, inaugurou a exposición A Berenguela, que se exhibe xa na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago (praza de Praterías). Trátase dunha mostra visual sobre a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, unha das obras cume do barroco e que foi recentemente restaurada.

O Consorcio de Santiago abre esta exposición en colaboración con Teófilo Comunicación. Precisamente, aproveitando a restauración da Torre, o fotógrafo da empresa de comunicación Alberte Peiteavel, realizou unha extensa reportaxe fotográfica que permitiu descubrir detalles arquitectónicos que habitualmente pasan desapercibidos ao ollo do viandante.

A exposición componse dunha selección destas fotografías acompañadas de textos explicativos e elementos audiovisuais.

Estas fotografías foron recollidas nunha publicación que veu a luz recentemente e que xa está dispoñible nas librarías. Este libro ofrece un retrato dunha peza de especial simbolismo integrada no complexo catedralicio compostelán, en pleno corazón da cidade. Achéganos unha visión próxima e con minuciosos detalles sobre aspectos desta torre que pasan desapercibidos nunha ollada dende as prazas da Quintana ou de Praterías: os seus diferentes corpos arquitectónicos, a decoración con torretas, as formas vexetais e os motivos xacobeos que se foron incoporando co paso do tempo.

O contido deste libro é unha recompilación de imaxes deste conxunto pétreo de singular beleza captadas polo obxectivo da cámara de Alberte Peiteavel, e inclúe un interesante apuntamento documental de Ramón Yzquiedo Peiró, responsable de conservación do Museo da Catedral de Santiago de Compostela.

A Berenguela responde ademais a un deseño e presentación especiais, de tal xeito que o libro adopta unha estrutura vertical (14 x 33 centímetros) tal que a forma da maxestuosa silueta desta torre de torres, que foi concebida inicialmente como construcción defensiva da cidade, que acolle a popular campá do mesmo nome, o reloxo con esferas dunha sóa agulla, e que remata na súa parte máis alta coa lanterna que serviu e serve de guía aos peregrinos que se achegan ata o santuario apostólico.

Compartir: