XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno autoriza a ampliación de horarios na hostalería para as fins de semana da Ascensión e das Letras Galegas

02/05/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, autorizou a ampliación do horario de peche dos establecementos hostaleiros nas fins de semana da Ascensión e das Letras Galegas. Ademais, aprobou a liquidación so servizo de transporte urbano.

A autorización da ampliación do horario de peche responde a unha solicitude da Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela. Así, prolóngase en 60 minutos a hora límite de pecho dos establecementos hostaleiros do 8 ao 12 e do 16 ao 19 de maio. Este informe favorable será remitido á Xunta de Galicia, que é a Administración que debe autorizar finalmente o novo horario.

Transporte público
En materia de Mobilidade, aprobouse a liquidación do servizo de transporte urbano de viaxeiros coa UTE TRAPSA-AULASA correspondente ao ano 2012 e derivada da diferenza entre os custos e ingresos que se contemplan no artigo 33 do prego de cláusulas que rexe o contrato:

Prezo Km básico: 2,541340 €/Km.
Prezo Km complementario: 1,916275 €/Km.
Km percorridos básicos: 2.312.641 Km.
Km percorridos complementarios: 129.781 Km
Compromiso de viaxeiros para 2012: 7.408.023.

Así, a liquidación aprobada é de 3.334.692,39 €. Tendo en conta que esta empresa presentou facturas por pagos a conta por valor de 2.742.608,64 €, a compensación pendente de regularización en 2012 ascende a 592.083,75 €.

Urbanismo
Finalmente, deuse o visto bo á delegación de competencias da propia Xunta de Goberno a favor da concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible en materia sancionadora no relativo ás infraccións que se cometan contra as ordenanzas de publicidade e rotulación e as de terrazas e quioscos de hostalería. Este cambio busca unha maior axilidade e eficacia nos procedementos.

A voceira da Xunta de Goberno e concelleira desta área, María Pardo, aproveitou tamén para dar conta do balance semanal de tramitación de comunicacións e licenzas. Do 25 ao 30 de abril concedéronse 9 licenzas de obra menor (2 denegadas), 5 de obra maior e 1 de primeira ocupación. Tramitáronse igualmente dúas licenzas de parcelacións/segregacións, unha comunicación completa e dúas licenzas de apertura de actividade.

Documentos relacionados



Compartir: