FESTAS

O Concello presenta un calendario festivo para a Ascensión con propostas variadas e destinadas a todos os públicos

02/05/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou o programa das Festas da Ascensión 2013, que se celebrarán do 8 ao 12 de maio. Macaco, Pignoise ou Rosa Cedrón son algúns dos nomes protagonistas no musical dunhas festas que inclúen propostas para todos os públicos.

Francisco Noya salientou a "variedade e calidade" do programa, ao que se destinan uns 200.000 euros, cantidade semellante á do ano 2012. O concelleiro agradeceu a outros departamentos municipais a súa colaboración para a configuración do calendario de eventos para estas cinco xornadas.

As Festas da Ascensión arrincarán o mércores 8 de maio coas tradicionais comparsas de cabezudos polas rúas do Casco Histórico. Nesta xornada destaca o festival 40 Santiago Pop, organizado en colaboración coa cadea 40 Principales e que ten como nomes máis destacados os de Macaco, Rasel & Jadel e Nena Daconte. Será na praza da Quintana a partir das 22:00 horas.

A xornada grande, o xoves 9, abrirase cunha nova edición do Concurso Cabalar da Ascensión no recinto feiral de Amio. Pola tarde, destaca o programa Cultura Urbana, que levará á praza do Toural diversos obradoiros e exhibicións de graffiti, turntablism, beatbox, breakdance e popping.

Xa pola noite, a praza do Obradoiro acollerá unha gala musical coa actuación de artistas como Pignoise, Andy & Lucas, David de María, David Civera, Astarot ou Luis Boyano. O espectáculo será gravado pola TVG para ser emitido nunha data posterior.

Para a xornada do venres queda outra das propostas musicais destas festas, a Noite Meiga en Compostela. Este espectáculo, promovido polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, contará coa presenza de Mayalde, Rosa Cedrón e Roi Casal, presente na rolda de prensa. O concerto, de entrada libre, celebrarase na praza da Quintana.

O sábado 11 é o día reservado para os maiores e a súa festa, que chega xa á súa XV edición. Nos primeiros tres días xa se venderon 900 das 2.000 entradas dispoñibles, apuntou Francisco Noya. Este día tamén haberá unha variada programación deportiva (ciclismo), familiar (monicreques) e musical (corais).

Para rematar as Festas, o domingo 12, o Campus acollerá a saída e chegada da I BBT Compostela, ademais de programación escolar e familiar. Durante todo o día celebrarse no pavillón de Santa Isabel o Ranking Nacional e Open Internacional de Baile Deportivo.

Toda esta programación complétase cada día con diversas propostas para todo os públicos, ás que hai que engadir a presenza das tradicionais atraccións feirais na Alameda.

Direccións relacionadas



Compartir: