ALCALDÍA

Santiago e Wakayama reafirman a súa colaboración no marco da celebración do ano dual entre España e Xapón

02/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiron o responsable da división cultural e asuntos internacionais do goberno da Prefectura de Wakayama (Xapón), Takashi Nishida.

A reunión foi unha oportunidade para afirmar os lazos turísticos e culturais entre Santiago e Wakayama, que se concretan fundamentalmente na irmandade entre os camiños de Santiago e de Kumano Kodo. No mes de setembro, unha representación compostelá estará en terras niponas para realizar parte desta ruta.

Ademais, o alcalde e o responsable cultural de Wakayama falaron da celebración nuns meses do ano dual entre Xapón e España, no marco do cal se están a preparar diferentes actividades en Compostela. Unha delas será a visita do príncipe herdeiro Naruhito, que ten previsto realizar un tramo do Camiño de Santiago.

Ángel Currás tamén reiterou o interese de Santiago por potenciar a chegada de turistas nipóns. Neste sentido, agarda que xogue un papel fundamental para as conexións aéreas con Xapón a entrada en funcionamento do voo entre Santiago e Estambul de Turkish Airlines.

Compartir: