EMPREGO

A Concellería de Emprego pon en marcha un programa de cualificación profesional

30/04/2013 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, presentou un Programa de Cualificación Profesional incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte. O seu obxectivo é que os traballadores e traballadoras desta área poidan mellorar a acreditación das súas competencias profesionais e tamén mellorar a súa formación, para incrementar a súa capacidade de inserción no mercado laboral. O programa inclúe un servizo de asesoramento, un calendario de actividades formativas e unha aplicación web.

Reyes Leis explicou que a zona do Urbana Santiago Norte resulta especial axeitada para a aplicación dun programa deste tipo, xa que está caracterizada por un importante número de traballadores e traballadoras que non puideron aproveitar as posibilidades que ofrecen os diferentes sistemas de formación. Así, na actualidade son máis 3.789 os habitantes desta zona que teñen un nivel de formación inferior á ESO (1.882 co Graduado Escolar, 1.616 con primarios incompletos ou Certificado de Estudios Primarios e 291 sen estudos).

Para combater esta situación ponse en marcha este Programa de Cualificación Profesional, con tres obxectivos xerais: axudar a que os traballadores adultos teñan unha maneira de acreditar a súa formación adquirida a través da experiencia profesional, mellorar o emprego da poboación pertencente ao ámbito de actuación USN, dotándoa das habilidades necesarias, e facilitar a inserción laboral de colectivos desfavorecidos. O programa articúlase en base a tres eixes: un servizo de información e asesoramento personalizado, actividades formativas e unha aplicación simuladora de equivalencias formativas.

Aplicación informática de acreditación
Un dos eixes deste programa é unha aplicación informática que permitirá informar e orientar sobre as posibilidades de equivalencia de formación e sobre os pasos a seguir para a súa tramitación e obtención. Dun xeito sinxelo, esta web, dispoñible na páxina da Axencia Local de Colocación, permitirá establecer as equivalencias ás que se teñen dereito, informando dos pasos a seguir para a súa obtención.

A equivalencia é o recoñecemento de que un título antigo ten os mesmos efectos académicos e/ou profesionais que outro novo, pero non dá dereito ao interesado a obtención do título co que se establece a equivalencia. As equivalencias para efectos laborais ofrecen a posibilidade de incorporarse a determinados postos de traballo.

A aplicación conten información sobre os procesos de equivalencias de Graduado Escolar/Graduado en ESO, Estudios Profesionais e Bacharelato. Esta web nace no ámbito do Urbano Santiago Norte, pero é unha web aberta a toda a cidadanía que desexe usar este servizo de acreditación.

Servizo de información e asesoramento personalizado
O programa incluirá tamén un servizo de información e asesoramento personalizado, atendido por profesionais expertos en formación e inserción laboral, que estarán a disposición dos cidadáns para resolver consultas relacionadas coa acreditación e o desenvolvemento da carreira profesional. Estará a disposición dos cidadáns un servizo de orientación telefónica (981 543 060), no que se resolverá calquera dúbida sobre os procesos de equivalencia.

Actividades formativas
O terceiro eixe deste programa son as actividades formativas, con obradoiros, seminarios e cursos para a mellora do perfil e potencial profesional, que xirarán en torno a catro polos: o desenvolvemento de competencias, as estratexias para buscar traballo, a preparación dos procesos de acreditación e o servizo on-line para a homologación da formación.

Están programadas 42 actividades para os anos 2013 e 2014. Realizarase formación en materias como informática, idiomas, instalacións térmicas de edificios, operador de guindastre, guindastre móbil, instalador de gas, operador de carretillas elevadoras, operador retroexcavadora, preparación de probas competencias clave, ciclos formativos...

A partir da próxima semana comezarán a publicitarse a través da páxina web da Axencia Local de Colocación, dos medios de comunicación e das redes sociais. Estas accións estarán dirixidas á poboación activa da área do USN, especialmente a persoas adultas sen formación básica e profesional acreditada e a persoas inmigrantes, sen formación ou con acreditacións profesionais non homologables.

Esta actividade está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Direccións relacionadas



Compartir: