MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela retomou a actividade cunha xornada de portas abertas

27/04/2013 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado no antigo curtidoiro de Belvís, reabriu as súas portas. Para darse a coñecer nesta nova etapa, realizouse unha xornada de portas abertas.

O CIAC volve á actividade coa intención de ser un punto de encontro da cidadanía en torno ao medio ambiente. Á exposición permanente existente sumarase un programa de actividades composto por visitas guiadas ao centro, exposicións temporais, cursos, obradoiros e paseos guiados por Compostela para descubrir diversos aspectos da súa ecoloxía urbana.

O CIAC terá un horario diferenciado en inverno e verán. Así, do 1 de outubro ao 14 de xuño, estará aberto sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. De luns a venres unicamente se realizarán visitas concertadas. Do 15 de xuño ao 30 de setembro, estará aberto de martes a venres, de 17:00 a 19:00 horas, e o sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. As mañás de martes a venres só haberá visitas concertadas. Os luns, o centro permanecerá pechado.

Aberto á cidadanía
Para que os veciños e veciñas de Compostela puideran coñecer o CIAC, celebrouse unha xornada de potas abertas. Foi unha tarde con contacontos, charlas, obradoiros, un sorteo, xogos populares e visitas guiadas.

Xa o luns 29, entre as 17:00 e as 19:30 horas, o centro estará aberto para os equipos directivos dos centros de ensino, para que coñezan os recursos didácticos cos que conta o CIAC e a súa oferta de educación ambiental.

O CIAC dispón de páxina web, www.ciac-compostela.org e de Facebook, Centro de Interpretación de Compostela.

Compartir: