CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural da Trisca celebrou o seu décimo aniversario

26/04/2013 Este venres 26 de abril cumpríronse 10 anos dende a inauguración e posta en marcha do Centro Sociocultural da Trisca, emblemático e moderno edificio deseñado polos arquitectos Jonh Hejduk, Antonio Sanmartín e Elena Cánovas. Para celebralo, a Concellería de Centros Socioculturais, en colaboración coas entidades do barrio, está a desenvolver un completo programa de actividades.

O CSC acolleu un acto conmemorativo deste aniversario. Seguidamente, a compañía Histeria Teatro representou a obra Hamster. Pola tarde houbera xogos populares e inchables para os máis pequenos.

O programa de actividades pecharase o sábado 27 cunha xornada que comezará ás 17:30 horas coa acción interxeracional "Sábados de Merenda". Ás 19:30 horas, dende o propio CSC, observación astronómica. Para este día tamén está prevista unha visita polos balcóns de Compostela.

O centro sociocultural
O Centro Sociocultural da Trisca, situado na corredoira das Fraguas, 92, conta cunha superficie total de 675 metros cadrados. Dispón de tres plantas, un soto e unha terraza que ofrece unha excelente vista panorámica de Santiago, que inclúe as torres da Cidade da Cultura, deseñadas polo mesmo J. Hedjuk.

Os espazos do centro dedícanse a usos socioculturais diversos: aulas de plástica, cociña, sala de encontro e lectura de prensa, punto informático, aula de xogo infantil, salas de talleres, zona expositiva, sala de usos múltiples e terraza. Neste centro desenvólvese un coidadoso traballo sociocultural vinculado ás demandas dos veciños e entidades do dinámico barrio de San Pedro.

Compartir: