XUVENTUDE

Comezaron no Ensanche as I Xornadas de Emprendemento e Promoción do Emprego

26/04/2013 As I Xornadas de Emprendemento e Promoción do Emprego Os xoves emprende, organizadas polo Concellería de Xuventude e Junior Empresa de Santiago (Jemsa), comezaron no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche cunha sesión sobre creatividade, innovación e análise do mercado, dirixida polo coacher laboral Iván Castiñeiras. Tamén se celebrou unha mesa redonda con mozos emprendedores.

As seguintes sesións desenvolveranse os xoves 16 e 23 de maio e 13 e 20 de xuño, de 17:00 a 20:30 horas, tamén no CSXM do Ensanche. Este programa pretende aumentar a competitividade, fomentar a empregabilidade e o autoemprego xuvenil, motivar aos presentes a xerar as súas propias empresas, mellorar a formación e achegar valor diferencial, crear redes sociais entre os perfís emprendedores da cidade, lograr motivación grupal, fomentar a conexión mozos-empresas e potenciar a creación de empresas no territorio galego e incentivar os valores sociais.

As catro sesións restantes abordarán, respectivamente, os seguintes contidos: técnicas de venda e protocolo; elaboración e avaliación de proxectos empresariais; liderado, motivación e traballo en equipo; e métodos de internacionalización e investigación de novos mercados.

A inscrición, de balde, pode realizarse no propio CSCXM do Ensanche ou a través do correo dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. Admitirase, por rigorosa orde de inscrición, un máximo de 90 participantes.

Todos os inscritos recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia. Ademais, entre todos sortearase un convite ao Congreso Nacional Junior Empresa, que se desenvolverá en Santiago de Compostela en novembro deste 2013.

Máis información:
Departamento de Xuventude
CSCXM do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo)
Tel: 981 543 001 Fax.: 981 543 002
dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: