URBANISMO

O Concello segue axilizando os trámites urbanísticos e incorpora tres novos procedementos a través de Internet

26/04/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta da incorporación de tres novos trámites urbanísticos á Carpeta Cidadá da web municipal. Trátase das comunicacións de obras menores en establecementos, da apertura deses establecementos e dos cambios de titularidade. Ademais, os cidadáns poderán facer uso a través da web dun mapa cartográfico que lles permitirá saber se están en condicións, pola situación da parcela, de utilizar o procedemento de comunicación previa.

En xaneiro de 2013 xa se habilitara a presentación telemática de dous procedementos urbanísticos. Dende entón é posible comunicar, a través da Carpeta Cidadá, tanto as obras menores máis sinxelas en vivendas y establecementos, como a finalización das previamente autorizadas nun establecemento xunto coa licenza de actividade (nos casos nos que segue sendo necesaria), a fin de que os técnicos municipais realicen a visita de comprobación preceptiva para que o mesmo poida empezar a funcionar legalmente.

Agora incorpóranse tres novos procedementos á Carpeta Cidadá, que permitirán aos empresarios comunicar ao Concello: obras menores nos establecementos destinados a determinadas actividades comerciais ou de servizos; a apertura deses establecementos (una vez rematadas as obras ou cando estas non foran necesarias); e os cambios de titularidade de todo tipo de actividades e en calquera punto do termo municipal.

Mapa cartográfico
De momento, a comunicación telemática de obras e aperturas de establecementos está dispoñible só para as actividades comerciais e de servizos que se beneficiaron das medidas liberalizadoras aprobadas polo Goberno español durante 2012. Con estas garantíase a substitución das licencias por comunicacións previas para obras menores e para a apertura de establecementos dedicados a determinadas actividades.

Non obstante, María Pardo lembrou que o sistema de comunicación non é posible cando a vivenda ou establecemento se atope en zonas de protección do dominio público ou en elementos integrantes do patrimonio cultural. Así, para evitar que se utilice o sistema de comunicación en lugares nos que se require licenza previa, a Sección de Cartografía elaborou unhas ferramentas que permiten determinar, a partir dos datos catastrais, se la vivenda ou local está en zona de licenza ou de comunicación.

A concelleira apuntou que, con esta iniciativa, "a Concellaría de Urbanismo dá un paso máis para facilitar o acceso dos cidadáns aos servizos municipais, reducir cargas administrativas e eliminar ineficiencias, tanto para as Administracións Públicas como para os cidadáns". Neste sentido, salientou as vantaxes que supón a Carpeta Cidadá para os cidadáns, ao non terse que desprazar ás oficinas municipais.

Documentos relacionados



Compartir: