DEPORTES

Chamamento aos afeccionados para que apoien ao Club Waterpolo Santiago nos partidos definitivos pola Liga Galega

26/04/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o segundo partido do play off final da Liga Galega de Waterpolo entre o Club Waterpolo Santiago e o Club Waterpolo Galaico Pontevedra, que se disputará este sábado 27 de abril, ás 18:30 horas, na piscina municipal de Santa Isabel. De gañar este partido os composteláns, disputarían o terceiro e último partido tamén na casa.

Adrián Varela quixo facer un chamamento aos afeccionados composteláns para que acudan a Santa Isabel a animar ao Club Waterpolo Santiago. Os santiagueses precisan gañar este partido para forzar o desempate, xa que perderon o primeiro en Pontevedra por 14-12.

O equipo compostelán ten o factor cancha a favor por ter sido primeiros na liga regular. De aí que, de gañar este sábado, o último e definitivo partido disputaríase tamén en Santa Isabel, o sábado 18 de maio.

De conseguir o título, sería o cuarto consecutivo do Club Waterpolo Santiago, feito destacado especialmente pola xuventude dun equipo con a penas dez anos de existencia, segundo lembrou o seu adestrador, Javier Pérez.

As aspiracións do CWS non rematan aí, xa que do 3 ao 5 de maio disputarán en Portugalete (Biscaia) a fase nacional de ascenso a Segunda División. O equipo compostelán amósase confiado ante estes dous retos, tal como apuntou un dos xogadores, Adrián Campaña.

Campus de verán
Por outra parte, o concelleiro anunciou a celebración da segunda edición do campus de verán do Club Waterpolo Santiago do 1 ao 12 de xullo. Tal como explicou Javier Pérez, esta actividade de conciliación será de novo unha mestura de actividades de introdución ao waterpolo con outra educativas e deportivas.

Direccións relacionadas



Compartir: