ALCALDÍA

O alcalde destaca o labor do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago na actual situación económica

24/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; os alcaldes de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e de Melide, Ánxeles Vázquez; o director do Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación Incyde), Javier Collado; o presidente da Cámara, Jesús Asorey; o seu secretario xeral, Fernando Barros.

Nesta xornada de traballo, Ángel Currás salientou que as Administracións públicas teñen que colaborar en materia de emprendemento para fomentar a cultura empresarial española e elevala a niveis europeos. Tamén destacou que o traballo do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, que conta con fondos da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, é fundamental na actual situación económica.

Jesús Asorey explicou que a a xuntanza estivo centrada no emprendemento e nas necesidades para a creación de empresas. "Barallamos as posibilidades de colaboración entre todas as institucións presentes: Deputación da Coruña, concellos de Santiago, Ribeira e Melide, Cámara de Comercio e Incyde. Estamos nunha época difícil onde o diñeiro escasea, polo que hai que optimizar os fondos dispoñibles para ofrecer o asesoramento máis axeitado aos emprendedores que precisan un empurrón para poñer en marcha os seus proxectos", indicou.

Para Diego Calvo, esta xornada de traballo focalizouse nas liñas de emprendemento da Cámara de Comercio de Santiago nos concellos da súa demarcación cameral. Ademais, o presidente da Deputación da Coruña apuntou que se analizarán distintos proxectos sobre emprendemento para "axudar a dinamizar a economía".

Asesoramento emprendedor e formación
Durante o encontro, informouse aos presentes do labor en materia de emprendemento que realiza a Cámara de Comercio de Santiago por medio do viveiro de empresas dende diversos eixes de actuación: apoio á creación de infraestruturas a través da rede de viveiros camerais, desenvolvemento de xornadas de fomento do espírito emprendedor na escola, asesoramento a emprendedores en materia comercial e formación para emprendedores ou empresas en período de consolidación ou en situación de crise. O presidente da Cámara comentou a posibilidade de extrapolar estes servizos a concellos cabeceira de diversas zonas da súa demarcación cameral, cun compromiso de financiamento por parte da Cámara de Comercio e a corporación provincial.

O viveiro de Costa Vella alberga na actualidade 12 empresas con ubicación física e 20 firmas que reciben servizos de maneira virtual. Dende a súa creación en 2006, pasaron pola incubadora empresarial 105 empresas. O correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento maniféstase cunha taxa de supervivencia empresarial do 78%.

Compartir: