OBRAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Case medio millón de euros para outras cinco obras no rural de Compostela

24/04/2013 Nos vindeiros meses o Concello executará 11 novas obras a cargo do chamado DTC-94 da Deputación da Coruña, por un importe total de 779.884 euros. Destas actuacións, cinco beneficiarán a parroquias do rural, cun investimento de 488.145 euros. Os concelleiros Francisco Noya, María Pardo e Juan de la Fuente, deron conta destas obras.

En canto ás obras do rural, Francisco Noya reiterou o compromiso do Goberno municipal coas parroquias de Santiago, que se materializa neste Plan e tamén noutros como o Plan de Obras e Servizos da Deputación, cuxas obras de 2012 tamén se executarán nos vindeiros meses. Neste DTC-94 inclúense obras de mellora e acondicionamento do vieiro a Sionlla de Arriba e cruce da N-550 (Enfesta), por importe de 56.797 euros; do vieiro de Marzo de Arriba a Quintáns-Fase I (Verdía), por 100.389 euros; do vieiro de Reborido-Roxos ao límite municipal (Villestro), por 84.371 euros; e do vieiro de Bando-San Marcos, por 69.590 euros.

A estas obras súmase outra de acondicionamento de gabias en 100 quilómetros de estradas nas parroquias do rural, cun investimento de 179.831 euros.

Acondicionamento de espazos
Do resto de obras, María Pardo, destacou a de reforma e mellora do Arquivo Municipal en San Lázaro. A concelleira denunciou o grao de deterioro que teñen estas instalacións, con filtracións de auga que mesmo provocaron a destrución dalgún documento. Investiranse 31.567 euros nunha actuación que incluirá o acondicionamento das instalacións e a colocación de mobiliario para a ordenación do propio arquivo.

O barrio de Guadalupe verase beneficiado por dúas actuacións. A primeira, por 39.990 euros, permitirá reparar o firme da pista polideportiva do Parque Pablo Iglesias e colocar un peche perimetral nos fondos da mesma.

Por outra parte, acondicionarase o espazo existente entre as rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, que vén sendo ocupado como lugar de estacionamento de vehículos. Retiraranse as árbores, colocarase un pavimento de céspede transitable e ampliarase a capacidade de estacionamento de 20 a 40 vehículos.

Outra obra incluída neste DTC-94 é a reparación e adecuación das instalacións da oficina de turismo de San Lázaro. Investiranse 30.000 euros nesta obra, fundamental para recuperar este espazo, especialmente útil para ofrecer información aos peregrinos que chegan a Compostela polo Camiño Francés.

Tamén se vai reparar e acondicionar o edificio de servizos do Parque Eugenio Granell. A esta intervención destinaranse 77.725 euros.

Finalmente, este programa da Deputación da Coruña permitirá tamén a compra de material, por 44.655 euros, de material para o novo Centro Sociocultural de Santa Marta.

Acondicionamento urxente das vías públicas
Por outra parte, continúa executándose o plan de actuacións urxentes para eliminar fochancas e acondicionar as vías públicas. Executada xa boa parte dos labores na zona urbana, a Brigada de Vías e Obras comezará na xornada do xoves a actuar tamén nas parroquias rurais, segundo indicou o concelleiro Juan de la Fuente.

Catro brigadas, compostas por catro operarios cada unha, realizan estas tarefas de eliminación de fochancas. Aqueles cidadáns que teñan coñecemento de fochancas ou outros danos poden poñelo en coñecemento do Concello a través do teléfono 981 528 722.

Compartir: