TURISMO

Os concellos da Área de Santiago asinarán un convenio de colaboración para a súa promoción turística conxunta

24/04/2013 Os Concellos da Área de Santiago celebraron a súa cuarta reunión de traballo para continuar afondando nas liñas de actuación conxunta para a posta en valor e promoción dos seus recursos turísticos. O Grupo está composto actualmente por 17 concellos: A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Entre eles suman preto de 250.000 habitantes.

Nesta reunión acordouse un borrador de convenio de colaboración para formalizar a existencia do Grupo e definir as liñas xenéricas de actuación. O obxectivo que se marcou na reunión é que o convenio de colaboración poida ser asinado a finais do mes de maio ou comezos do mes de xuño.

O Grupo conta xa con tres comisións técnicas de traballo, creadas en base ao análise dos recursos turísticos cos que se conta: A pesca e o turismo fluvial en xeral, concibidos como un recurso turístico no que a área de Santiago ten capacidade para converterse nun referente; Gastronomía, tanto polos produtos característicos da área como as celebracións gastronómicas que se celebran nos concellos; e Paquetes, concibida para promover ofertas combinadas para os turistas, aproveitando os diferentes recursos da zona e prestando especial atención ás familias.

As comisións, compostas por pequenos grupos de Concellos co obxecto de facer máis operativo o traballo, están mantendo diferentes reunións para poder ir traballando nos diferentes ámbitos e definir as obxectivos concretos e as liñas de actuación a seguir. Posteriormente, iranse creando novas comisións para estudar outras temáticas de interese evidente para a Área de Santiago, como a dos Camiños de Santiago ou o aproveitamento das múltiples rutas de sendeirismo que hai na zona.

Na xuntanza tamén se presentou o funcionamento do programa Goza do Ulla, un percorrido polos roteiros de sendeirismo dos 19 concellos do Ulla, o segundo río de Galicia. Neste programa participan varios municipios da Área de Santiago -A Estrada, Boqueixón, Padrón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces- e pode servir de modelo de actuación conxunta.

Compartir: