CENTROS SOCIOCULTURAIS

Última conferencia do Santiago Futsal na Casa das Asociacións de Cornes

24/04/2013 Hoxe mércores, ás 19:30 horas, na Casa das Asociacións (Cornes), celebrarase a ultima sesión do ciclo de charlas que se veu realizando nos centros socioculturais a cargo do Santiago Futsal. Con este ciclo pretendíase achegar aos cidadáns unha visión máis próxima do traballo realizado no Santiago Futsal, tanto a nivel deportivo como médico, psicolóxico, etc.

Esta última charla, titulada Diario dun traballo en equipo, contará coa presenza do adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, e do responsable dos seus servizos médicos, o doutor Jesús Marque, que contarán cal é a metodoloxía que seguen nos seus adestramentos. Estarán acompañados nesta cita polo concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya.

Remata así este ciclo de charlas-encontros, nas que os afeccionados puideron palpar o gusto polo traballo ben feito e o ambiente de traballo en equipo do que fan gala no Santiago Futsal. Así o deixaron patente nas súas charlas nos centros socioculturais do Ensanche, Fontiñas, Conxo, Cardeal Quiroga, As Cancelas, Vite e Figueiras.

Entre os asistentes a esta última conferencia sortearanse entradas para o último partido da temporada deste sábado, 27 de abril, contra El Pozo Murcia, un partido solidario a favor da Asociación de Dano Cerebral de Compostela (Sarela), xa que 1 euro de cada entrada será destinado a esta asociación e un usuario do centro fará o saque de honra.

Compartir: