URBANISMO, OBRAS E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Reunión cos veciños para explicarlles a remodelación da rúa de San Pedro

23/04/2013 Os concelleiros María Pardo, Juan de la Fuente e Francisco Noya reuníronse no Centro Sociocultural da Trisca coas asociacións de veciños A Xuntanza e Amigos de San Pedro para explicarlles o proxecto de mellora da rúa de San Pedro.

Os representantes veciñais puideron coñecer o proxecto de reurbanización da rúa de San Pedro, para o tramo comprendido entre a Porta do Camiño e a praza de San Pedro. A obra contempla como principais novidades a situación da calzada e das beirarrúas nunha sección única, limitando o ancho da primeira e ampliando o espazo para o tránsito peonil.

As beirarrúas, agora a distinto nivel e mesmo estreitas en exceso nalgún tramo, situaranse ao mesmo nivel que a calzada e gañarán en amplitude. Estas beirarrúas, construídas en granito, separaranse fisicamente da calzada mediante xardineiras, bancos e bolardos, segundo os tramos.

A ampliación das beirarrúas –que terán un ancho mínimo de 1,80 metros e contarán con tramos de ata 3 metros- realizarase a costa de reducir o ancho da calzada. Esta terá 3 metros, se ben o lastro ocupará só 2,5 metros, provocando un efecto de estreitamento que induza aos vehículos a circular con maior lentitude.

Colocación dos lastros sobre formigón
Outra das novidades terá que ver coa colocación dos lastros, co fin de evitar os afundimentos que se veñen producindo dende hai anos. Realizarase unha base de formigón, na que descansarán directamente tanto os lastros da calzada como as lousas da beirarrúa. Ademais, nas tapas dos sumidoiros tamén se utilizará formigón, ao igual que nas zonas de carga e descarga, parada de autobús e prazas de minusválidos. Sobre estas últimas, destacou a situación das mesmas a carón da praza do 8 de marzo.

A actuación sobre este tramo da rúa de San Pedro aproveitarase tamén para construír as canalizacións que permitan nun futuro o soterramento dos diferentes servizos. Separaranse igualmente as redes de augas pluviais e fecais, aproveitando a existente para as primeiras e habilitando unha nova para as pluviais. Estas augas recolleranse e serán utilizadas para a limpeza.

Finalmente, realizarase unha reordenación da praza do 8 de marzo, eliminando algúns árbores e bancos, facendo deste xeito unha praza máis luminosa e aberta.

O proxecto sae a concurso cun orzamento de licitación de 495.000 euros e un prazo máximo de execución de seis meses. Durante o tempo que duren as obras será preciso que se corte o tráfico neste tramo da rúa.

Compartir: