CONSORCIO

O Consorcio de Santiago entrega lotes de libros sobre a cidade aos colexios

23/04/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presidiu con motivo do Día do Libro unha entrega de libros aos colexios da cidade. O acto celebrouse na biblioteca da Cidade da Cultura e contou tamén coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; a xerente do Consorcio, María Antón; e a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González.

Cada colexio recibiu un lote de 56 libros editados nos últimos anos polo Consorcio de Santiago e cuxa temática está relacionada coa historia, a arte e a sociedade de Compostela. Trátase de libros de ensaio e de divulgación, de imáxenes, de reproducións facsimilares e, especialmente, libros pertencentes ás coleccións infantil e xuvenil do Consorcio.

Con este acto queríase facer unha homenaxe ao libro, en especial ao libro sobre Santiago, e incidir na importancia do fomento da lectura entre os escolares. Esta é a quinta vez que o Consorcio de Santiago fai entrega de libros aos colexios. Ademais, tamén fixo entregas ás biliotecas e arquivos da cidade, así como á Rede de Centros Socioculturais.

Compartir: