CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais únense un ano máis á celebración das Letras Galegas

23/04/2013 A Concellaría de Centros Socioculturais achega unha nova proposta de actividades de dinamización e animación á lectura a desenvolver en torno aos espazos de lectura dos centros socioculturais. Ler, contar e gozar coas letras trae en abril e maio un variado programa de actividades de balde que teñen como eixo central a figura do compostelán Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano 2013 o Día das Letras Galegas.

A Biblioteca José Saramago e as aulas de lectura dos centros socioculturais únense á conmemoración duns meses de abril e maio moi literarios con actividades de dinamización á lectura, teatro e actividades creativas e culturais diversas. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou este programa Ler, contar e gozar coas letras, centrado este ano na figura e no traballo de Roberto Vidal Bolaño.

O programa é un convite ao gozar de varias experiencias educativas sobre o traballo teatral de Roberto Vidal Bolaño, a través de distintas actividades preparadas para público infantil e adulto. As actividades desenvolveranse nos centros socioculturais de Amio, A Trisca, Conxo, Vite, San Lourenzo, Pontepedriña, Busto, As Cancelas, Lavacolla, Villestro, Eixo/Bornais, A Peregrina, Casa Agraria, Bando, Fontiñas e tamén no novo centro de Santa Marta, que estreará a Sala Magán coa representación teatral da obra Anxeliños e albergará o obradoiro infantil de teatro sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño.

Letras na corda
Ademais da técnica de Centros Socioculturais Mari Carmen de la Cruz, acompañou a Francisco Noya na rolda de prensa Larraitz Urruzola, de Bavaluva Teatro, compañía que se encargará do obradoiro artístico literario para nenos/as Letras na corda. Utilizando a lectura e o idioma como elementos de traballo para a creación artística e a recreación teatral arredor de textos da obra Touporroutou da Lúa e do Sol, de Roberto Vidal Bolaño, celebraranse 15 obradoiros para nenos e nenas de 6 a 14 anos en diversos centros socioculturais, dende o 23 de abril ata o 25 de maio.

Os nenos participantes poderán gozar durante dúas horas escollendo modelos de tipo de letras, que debuxaran, pintarán, recortaran e pendurarán dunha corda, compoñendo entre todos o nome de Roberto Vidal Bolaño. Ademais, achegaranse ao mundo teatral a través da representación de diálogos da obra escollida. Este obradoiro precisa de inscrición previa.

Obradoiro infantil
Outra das actividades destacadas é un obradoiro infantil sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño. A partir do traballo sobre unha das pezas teatrais do escritor, Laudamuco, o señor de ningures, e ao longo de tres sesións de dúas horas e media, nenos de 7 a 12 anos poranse na pel dun actor ou actriz, dun director ou directora e dun dramaturgo ou dramaturga comprendendo, dende a práctica, o papel que xogan estas tres figuras reunidas en Roberto Vidal Bolaño.

Este obradoiro, conducido por Glup Glup Teatro, realizarase os días 14, 15 e 15 de maio, de 17:30 a 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta. Aquí tamén se precisa inscrición previa.

Representación de Anxeliños
Finalmente, a compañía de teatro Arte Maior achegaranos á comedia de Roberto Vidal Bolaño titulada Anxeliños. Esta obra, dirixida a público adulto, representarase o sábado 18 de maio, ás 19:00 horas, na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. A entrada é libre ata cubrir o aforo.

A propósito desta representación teatral e do obradoiro infantil, o concelleiro Francisco Noya aclarou que, se as obras de acondicionamento previstas no CSC de Santa Marta o impediran, estas actividades poderían ser cambiadas a outras datas.

Sorteos
Ademais de todo isto, para celebrar o Día Internacional do Libro, haberá diversas actividades nos centros socioculturais, con sorteo de libros entre os nenos e nenas participantes.

Documentos relacionados



Compartir: