BENESTAR SOCIAL

Santiago e Cabo Verde achegan as súas voces para promover a igualdade de xéneros

07/06/2006 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade inicia no mes de xuño unha campaña de sensibilización arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A campaña arrincará en Santiago o 8 de xuño, co terceiro Obxectivo: "Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller", que será exposto e analizado nunha conferencia.

Os propósitos da campaña Voces de Aquí e de Alá Revirando o Milenio serán presentados por expertos doutros países que levan tempo traballando no seu desenvolvemento. Cada obxectivo estará abalado por unha persoa do mundo da cultura galega, que se converterá, deste xeito, no seu voceiro.

A campaña arrincará en Santiago, coa colaboración da concellería de Benestar Social do Concello de Santiago, o 8 de xuño, co terceiro Obxectivo: "Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller". Esta meta será exposta e analizada na conferencia Reviravolta pola Equidade de Xénero, que terá lugar na Fundación Caixa Galicia ás 20:00 horas dese mesmo día.

Como voces de alá estarán presentes a presidenta do Instituto da Condiçao Feminina de Cabo Verde, Cláudia Sofía Marques Rodrigues, e a coordinadora do 3º ODM do devandito Instituto, Talina Ben’Holiel Pereira Silva. Como voz de aquí, será Ugia Pedreira a que, coa súa música, acompañe ás invitadas caboverdianas, presentándoas e pechando o acto cunha actuación.

O Instituto da Condiçao Feminina é unha organización creada en 1994 coa misión de diminuír as disparidades entre os xéneros, mellorar a calidade de vida da muller e cambiar o comportamento do home e da sociedade, elaborando e promovendo programas, planos e proxectos específicos de promoción e autopromoción da muller. Participa na elaboración e execución do Plano Nacional para a Igualdade e Equidade de Xénero, na elaboración de planos sectoriais de outras institucións, e ofrece formación para a sociedade en xeral. Deste xeito loita pola mudanza cara unha sociedade máis xusta e equilibrada en materia de xénero.

Con este encontro, Galicia e Cabo Verde achegan as súas voces a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para reivindicar a necesidade de que se cumpran os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e de que o desenvolvemento se erixa como un dereito humano. O obxectivo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é contribuír a que a sociedade galega se introduza de pleno no debate sobre o desenvolvemento, construíndo unha voz propia coa que achegarse a outras sociedades e ás súas problemáticas.

Compartir: