DEPORTES

Os afeccionados ao sendeirismo teñen unha cita na novena edición da Andaina dos 50 Km de Santiago de Compostela

23/04/2013 O sábado 4 de maio celebrarase a IX edición da Andaina dos 50 Km de Santiago de Compostela, organizada polo Club Deportivo Fontiñas. Ata o 26 de abril está aberta a inscrición nesta proba, que levará os participantes polos sendeiros do municipio.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, convidou os composteláns a sumarse a esta andaina, tanto por ser unha actividade física saudable como pola beleza das paraxes que se percorren. Sumouse a este convite aos afeccionados ao sendeirismo o presidente do Club Deportivo Fontiñas, Javier Laíño, quen lembrou que esta proba xa é "unha clásica na Copa Galega de Andainas, cunha data xa fixa no calendario na primeira fin de semana de maio".

Na edición de 2012 participaron 195 persoas, das que 105 remataron o percorrido. Nesta andaina de 2013 a inscrición está aberta ata os 250 participantes, coa confianza de que o bo tempo acompañe á proba, xa que choveu nas tres edicións anteriores.

O presidente da sección de montaña do Club Fontiñas, Mariano Val, explicou que a andaina se compón de dous bucles. O primeiro, de 29 quilómetros, sae da praza do Obradoiro , pasando por Bar, Monte Pedroso, Aradas, Miramontes, Pontealbar, Río Tambre, Grixoa, Bargo, A Peregrina, Romaño e Santa Isabel, finalizando na carballeira de San Lourenzo. O segundo, de 21 quilómetros, parte da devandita carballeira cara o Camiño de Fisterra, pasando por Vidán, A Rocha, Laraño, Outeiro do Castiñeiriño, Bornais, Santa Lucía, monte de Viso, Cidade da Cultura, Viso, Parque de Belvís, Trompas, arco de Mazarelos e Toural, con final no polideportivo do Instituto Rosalía de Castro.

Dos 50 quilómetros do percorrido, exceptuando o tramo urbano da saída e da chegada, soamente hai 2 Km de pistas asfaltadas. Case todo discorre por entornos rurais, por camiños de terra e sendeiros.

Os participantes poden completar o percorrido ou ben abandonar en calquera momento, para o cal están previstos medios de recollida e traslado á cidade. En concreto, habilitaranse 5 postos de control –nos que haberá todo o necesario para repoñer forzas- e un coche vasoira. Todos os tramos estarán debidamente sinalizados. Os camiñantes sairán ás 9:00 horas da praza do Obradoiro.

O prezo de inscrición é de 12 euros para os federados e de 15 euros para os non federados. Cada participante recibirá como agasallo unha mochila.

Direccións relacionadas



Compartir: