FACENDA

O volume total de endebedamento do Concello alcanza un "mínimo histórico" de 81,4 millóns de euros

23/04/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, deu conta da evolución do nivel de endebedamento municipal, que se situou en 2012 nos 81,4 millóns de euros, segundo os parámetros do Ministerio de Facenda, cifra que considerou como "mínimo histórico" analizando os últimos exercicios. En particular, a edil salientou a baixada da débeda comercial ata os 17,5 millóns de euros e a redución do período medio de pago a provedores a menos de 74 días.

Respecto á débeda bancaria, Cecilia Sierra indicou que a do Concello de Santiago medrou unicamente un 9,5%, moi lonxe do incremento do 19,8% das corporacións locais galegas e do 23,6% do total das españolas. Tomando como referencia o total de cidades españolas con menos de 500.000 habitantes, o dato tamén é superior ao de Santiago, cun crecemento da débeda do 9,7%. O conxunto de capitais de provincia incrementaron a súa débeda nun 12,5% e as cidades coruñesas nun 10,8%, todas elas cifras superiores ás do concello compostelán.

A concelleira fixo especial fincapé na redución da débeda comercial (con provedores e acredores) dende os 31,5 millóns de 2011 ata os 17,5 millóns de 2012, o que supón unha baixada de 14 millóns de euros. Aquí se reflicte a operación de crédito subscrita en 2012 por 12,7 millóns de euros. Sierra destacou o "efecto positivo" desta operación de crédito tanto para os cidadáns como para o propio Concello, traducido nunha "inxección de liquidez" e, sobre todo, na redución do período medio de pago a provedores dende os 142,77 días de 2011 aos 73,84 de 2012. Non obstante, a edil recalcou que se seguirá traballando para deixar este período medio de pago nos 30 días.

O volume de endebedamento total do Concello queda entón en 81,4 millóns de euros, dos que 17,5 millóns se corresponden coa débeda comercial e 63,8 coa débeda financeira. Así, tendo en conta os 89,8 millóns de 2011, produciuse unha redución de 8,4 millóns de euros, malia a devandita operación de crédito subscrita. Indicou que, o actual Goberno municipal amortizou débeda por importe de 14,7 millóns de euros, aos que hai que sumar os 3,2 millóns de euros pagados de intereses.

Á vista destes datos e dos da liquidación do orzamento de 2012 recentemente presentados, a concelleira de Facenda reiterou o nivel de solvencia adquirido, o que lle permitirá ao Concello de Santiago facer uso da posibilidade de destinar os remanentes positivos a investimento.

Compartir: