CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural da Trisca celebra o seu décimo aniversario cun completo programa de actividades

22/04/2013 O venres 26 de abril cumpriranse 10 anos dende a inauguración e posta en marcha do Centro Sociocultural da Trisca, emblemático e moderno edificio deseñado polos arquitectos Jonh Hejduk, Antonio Sanmartín e Elena Cánovas. Para celebralo, a Concellería de Centros Socioculturais, en colaboración coas entidades do barrio, preparou un completo programa de actividades do 24 ao 27 de abril.

A proposta inclúe un obradoiro artístico-literario a cargo de Babaluva Teatro, xogos populares e inchables no parque infantil, teatro, obradoiros de artes plásticas e florais, a actuación da Coral A Xuntanza, sesión de ximnasia no parque, xornada gastronómica interxeracional, observación do ceo dende a terraza e a exposición de debuxos Individuos, de David de la Fuente Vázquez. Na tarde do venres 26, ás 19:30 horas, celebrarase un acto conmemorativo deste aniversario. Seguidamente, a compañía Histeria Teatro representará a obra Hamster.

O centro sociocultural
O Centro Sociocultural da Trisca, situado na corredoira das Fraguas, 92, conta cunha superficie total de 675 metros cadrados. Dispón de tres plantas, un soto e unha terraza que ofrece unha excelente vista panorámica de Santiago, que inclúe as torres da Cidade da Cultura, deseñadas polo mesmo J. Hedjuk.

Os espazos do centro dedícanse a usos socioculturais diversos: aulas de plástica, cociña, sala de encontro e lectura de prensa, punto informático, aula de xogo infantil, salas de talleres, zona expositiva, sala de usos múltiples e terraza. Neste centro desenvólvese un coidadoso traballo sociocultural vinculado ás demandas dos veciños e entidades do dinámico barrio de San Pedro.

Compartir: