BENESTAR SOCIAL

Segunda sesión dos obradoiros de informática do Urbana Santiago Norte

19/04/2013 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte realizou o segundo obradoiro de iniciación á Informática no Centro Comunitario Xoán XXIII. Neste obradoiro, que pertence ao programa Competencia Social e Crecemento Persoal, as persoas participantes son preparados nos conceptos básicos da informática para poder navegar por Internet.

Dez alumnos e alumnas están a recibir unha formación práctica nas ferramentas informáticas principais: sistema operativo, procesadores de texto, xestión do correo electrónico, etc. Os contidos do obradoiro responden ás demandas concretas dos participantes, que ven imprescindible hoxe en día introducirse no mundo da informática. As principais inquietudes están vinculadas á busca de emprego e o ocio.

Preténdese que o elemento lúdico destas actividades motive aos e ás participantes á implicación en accións ocupacionais, fomentando hábitos de vida saudable e ofrecendo alternativas de ocio positivas e enriquecedoras.

Estes obradoiros de iniciación á informática celébranse os venres dos meses de abril e maio, en horario de mañá de 10:00 a 12:00 horas. Xunto a estes obradoiros, estanse a realizar outros de cociña (os mércores) e de manualidades (os xoves). Ademais, o 8 maio, aproveitando as xornadas de cociña e a celebración o 9 de maio do Día de Europa, realizarase unha sesión especial no obradoiro de cociña, coa elaboración de pratos e alimentos representativos de distintos países europeos. A clausura conxunta de todos os cursos farase o 31 de maio.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: