ECONOMÍA

Área Central acolle a terceira edición de Getting Contacts! en Santiago

19/04/2013 A concelleira de Economía, Reyes Leis; o xerente de Área Central, Juan Carlos Losada; e a responsable da nova asociación empresarial AJE Santiago, Carmen López, presentaron a terceira edición en Santiago de Getting Contacts!, organizada polo Concello dentro do programa Santiago Investors Support, coa colaboración de AJE Santiago e Área Central, e que se celebrará o 30 de maio en Área Central a partir das 9:30 horas.

Getting Contacts! é un evento de networking orixinal mediante unha axenda de contactos. Ten coma obxectivos fortalecer ás empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios de outras poboacións e abrir as portas a novas inversións. Getting Contacts! conta cunha metodoloxía propia, que permite garantir a cada participante unha axenda personalizada segundo os seus intereses, con entre 15 e 25 entrevistas de alta efectividade.

As razóns para participar en Getting Contacts! son: entrevistas de calidade con outras empresas e profesionais segundo os seus intereses, novos contactos para ampliar o seu negocio (clientes, provedores, colaboradores, socios), promoción da súa empresa en tres niveis (empresas clientes e provedores, administración e asociacións).

Esta será a terceira edición que se celebra o evento en Santiago en apenas un ano, sinal de que se trata dun encontro interesante para as empresas e os emprendedores, que saben que nun tempo reducido poden establecer contactos interesantes para os seus proxectos. Na segunda edición de Getting Contacts!, que se celebrou tamén en Área Central o pasado mes de decembro, participaron representantes de 136 empresas.

A inscrición é gratuíta e pode tramitarse na páxina www.gettingcontacts.com. Nesta web hai que cubrir o formulario de inscrición do xeito máis preciso posible para que se podan fixar as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Direccións relacionadas



Compartir: