EDUCACIÓN

Viaxes, educación ambiental e solidariedade na oferta de tempo libre para o verán

07/06/2006 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou a súa oferta de tempo libre para o verán do seu departamento. As actividades permitirán aos mozos viaxar ata Barcelona ou Arbo, e participar no programa de acollida de nenos e nenas sahararuís.

O programa Barcelona, Educa permitirá a 30 rapaces de entre 12 e 14 anos realizar unha visita didáctico-cultural da cidade, adentrándose na súa historia e na súa arte, contemplando a súa arquitectura e coñecendo as súas xentes. O custo da inscrición é de 300 euros.

Outra das propostas é natural e consiste nunha estancia de educación ambiental no concello de Arbo, na comarca pontevedresa da Paradanta. O programa contempla diversas actividades, como a visita ó Parque Nacional de Peneda Geres, en Portugal. Participarán 48 nenos, repartidos en dúas quendas por idades comprendidas entre 6 e 11 anos.

Finalmente e como en anos anteriores, porase en marcha o programa Vacacións en paz 2006, atendendo á solicitude expresada pola Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Esta iniciativa está concibida no marco de solidariedade e axuda desinteresada e co fin de proporcionar mellores vacacións ós nenos e nenas saharauís. Os rapaces que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, sudoeste de Alxeria.

Os nenos estarán en Santiago nos meses de xullo e agosto de 2006 e o Concello de Santiago faise cargo das pasaxes. Na súa estanza en Santiago, os rapaces estarán acompañados por un adulto saharauí que actuará de coordinador e intérprete. O aloxamento realizarase na casa de familias compostelás, que se farán cargo dos gastos de alimentación e vestido dos nenos e nenas durante a súa estancia. O Concello organizará unha serie de actividades complementarias co obxecto de facilitar a integración dos pequenos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: