BENESTAR SOCIAL

O Equipo de Dinamización Social do USN impartiu o segundo obradoiro de manualidades no Centro Xoán XXIII

18/04/2013 O Programa de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellería de Benestar Social continúa cos seus obradoiros de manualidades con materiais reciclados cunha gran afluencia de participantes. Neste obradoiro, que pertence ao programa Competencia Social e Crecemento Persoal, as persoas participantes puideron elaborar diferentes broches e outros artigos como fundas para o teléfono, chaveiros, forros...

Doce alumnos e alumnas realizaron artigos con materiais de baixo custo que poderán quedarse posteriormente. Preténdese que o elemento lúdico destas actividades motive aos e ás participantes á implicación en accións ocupacionais, fomentando hábitos de vida saudable e ofrecendo alternativas de ocio positivas e enriquecedoras.

Estes obradoiros de manualidades celébranse os xoves dos meses de abril e maio, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas. Xunto a estes talleres estanse a realizar outros de cociña (os mércores) e de informática (os venres). Ademais, o 8 maio, aproveitando as xornadas de cociña e a celebración ao día seguinte, 9 de maio, do Día de Europa, realizarase unha sesión especial no obradoiro de cociña, coa elaboración de pratos e alimentos representativos de distintos países europeos. A clausura conxunta de todos os cursos farase o 31 de maio.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: