TURISMO

O programa "Porta a porta" achegará as Cidades Patrimonio aos mercados francés, alemán, portugués e italiano

18/04/2013 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE) segue traballando e mellorando tanto a súa estrutura interna como a súa promoción exterior. A Comisión de Representación, Promoción e Turismo, reunida na sede de Turespaña en Madrid, abordou cuestións relativas á comunicación e ao turismo, dúas importantes facetas na actividade do Grupo.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou nesta Comisión, presidida polo alcalde de Segovia, Pedro Arahuetes. Tamén asistiron os concelleiros de Turismo Juan Jesús Domínguez, de Alcalá de Henares; Jorge Suárez, de Cáceres; Rafael Navas, de Córdoba; Nieves Mohorte, de Cuenca; Julio López, de Salamanca; Yeray Rodríguez, de La Laguna; Claudia de Santos, de Segovia; Patricia Antón, de Tarragona; e Ana Isabel Fernández, de Toledo. A Comisión aprobou as actividades previstas para los próximos meses relativas a turismo. De entre elas, salienta o desenvolvemento do programa Porta a porta, que achegará as 13 Cidades Patrimonio da Humanidade de España aos mercados francés, portugués, alemán e italiano. Ademais, levaranse a cabo as actividades previstas nos convenios asinados en febreiro en Fitur con Paradores e Renfe.

Por outra parte, no capítulo dedicado a comunicación do Grupo, a Comisión acordou reforzar e potenciar, a curto prazo, este área, co obxectivo de mellorar a proxección e visibilidade das actividades que se realizan, así como trasladar ao exterior as múltiples posibilidades e riquezas que encerran as trece Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Impulsarase tanto a páxina web do Grupo, www.ciudadespatrimonio.org, como a coordinación dos gabinetes de prensa dos concellos.

Compartir: